O centenario da asemblea nacionalista

O vindeiro fin de semana conmemorase un século da Asemblea Nacionalista de Lugo, convocada polas Irmandades da Fala, que naceran dous anos antes. Esta primeira xuntanza foi un salto cualitativo, tanto pola redacción dun manifesto, como pola federación de todas Irmandades existentes no País nunha estrutura única. Ademais fíxose da Nosa Terra seu voceiro. No limiar o manifesto proclamaba: ““Tendo Galiza todas as características dunha nacionalidade, nós nomeamonos dende hoxe para sempre nacionalistas galegos, xa que a verba “rexionalismo” non recolle todas as aspiracións nen encerra a intensidade dos nosos problemas”.
Esta xuntanza era a consecuencia lóxica dos acontecementos previos en Europa como no noso País. O rexeitamento á desaparición do antigo Reino de Galiza en 1833 ficando dividido en varias provincias, rachando coa unidade da nación galega. Como resposta, a asemblea federal de Compostela en 1843, na que se debateu unha proposta de Faraldo a prol da independencia de Galiza; e a revolución armada de 1846, onde confluían as arelas liberais, a cuestión da unidade das provincias galegas, e o rexeitamento a sermos “unha colonia da Corte”. O provincialismo e o rexionalismo os antecedentes da Asemblea de Lugo, como o demostra a proposta de Anteproxecto de Constitución para o Estado Galaico de 1887 do Partido Republicano Federal de Galiza. Así como posteriormente a Cova Céltica e Solidaridad Gallega. 
A Asemblea asistiron 60 persoas representando ás 17 Irmandades espalladas por Galiza, e os seus 700 afiliados/as. Entre os asistentes Xaime Quintanilla, que sería alcalde de Ferrol entre 1931 e 1934 e elixido de novo en 1936, e asasinado polo alzamento militar franquista. Tamén manifestaron seu apoio á xuntanza 67 sociedades agrarias, cinco centros culturais, cinco federacións agrarias, once cámaras municipais, e corenta e nove asociacións. O manifesto aprobado na xuntanza esixía unha autonomía integral, o ingreso de Galiza na Sociedade de Nacións, e propuña as bases para unha federación con Portugal. Creación do Poder Autónomo, constituído por Parlamento Galego, elixido por sufraxio universal e representación proporcional. Nomeamento dunha Xunta Gobernadora composta dun Presidente e seis secretarios. Igualdade de dereitos para a muller. Cooficialidade do castelán e o galego. Ou sexa, reforzáronse as bases progresistas que marcaron o soberanismo en todas as súas etapas. E sobre todo vinculábase a problemática nacional galega tanto á alternativa política como ao suxeito partidario. 

O centenario da asemblea nacionalista

Te puede interesar