Cataluña, tensións e absurdos

Resulta patético escoitar aos dirixentes dos partidos de ámbito estatal sentíndose agraviados uns, e insatisfeitos outros, porque Quim Torra, o novo Presidente da Generalitat de Cataluña, se reafirme no proceso soberanista e na República. Unha alternativa que foi referendada pola maioría nas eleccións, e que as últimas enquisas confirman. Esta postura é a cerna do proxecto do seu partido e daqueles que poden apoiar a súa candidatura. Se non fose así, se a mensaxe se basease en aceptar o autonomismo e servir submisamente á monarquía ¿cal sería daquela a diferencia  práctica entre as opcións soberanistas e as que se proclaman defensoras da unidade do Estado español e negan a realidade plurinacional? 
Tanto os dirixentes do PP, como especialmente os de Ciudadanos, dan unha volta de porca máis no absurdo, e argumentan que a renuncia ás proposta soberanistas sería a demostración de que se acepta a legalidade constitucional, e se quere gobernar para o conxunto da autonomía. Arrimadas,  destaca con vehemencia que Cataluña ten un carácter plurinacional; algo que nega cando se trata de caracterizar ao Estado español, onde isto é evidente historicamente. Non tería máis lóxica que a minoría  modere seu discurso centralista en ben da unidade entre cataláns, aceptando as decisións da maioría? Por se non abondase o “bloque constitucionalista” e monárquico ameaza coa aplicación do 155, contra as medidas a prol de Cataluña. Ciudadanos vai máis ala, e quere facelo sen esperar a Generalitat tome medidas constitutivas de delito, segundo a Constitución e a interpretación xudicial. Todos/as presos preventivos. U-la democracia?
Torra foi electo presidente da Generalitat e para alén do discurso, e de que se manteña a tensión co Goberno central en relación aos espazos de decisión de Cataluña, todo fai pensar que ademais busca a retirada do 155 e a normalización da autonomía. 
Esta dualidade na mensaxe non é contraditoria, senón necesaria para que nacionalismo catalán manteña no imaxinario colectivo o dereito á autodeterminación. 
A postura do PP, PSOE e Ciudadanos, non axuda a atopar puntos de convivencia e moito menos de encontro. Por exemplo, garantindo ás nacionalidades máis competencias no eido económico, social e laboral, e todas as culturais e lingüísticas; blindadas fronte a calquera tipo de inxerencia centralista. Dende a imposición, cando ten tanta historia por detrás, non se constrúe a unidade e tampouco unha boa veciñanza. Aclarémonos: que pensan e fan as clases dominantes?

Cataluña, tensións e absurdos

Te puede interesar