Caneando as cuestións de fondo

A Ministra de Traballo tivo un importante protagonismo en varias das medidas tomadas polo Governo central que, aínda sendo insuficientes, foron positivas para a clase traballadora nun momento tan dramático. Refírome á subida do SMI (salario mínimo interprofesional), que ten un carácter transversal e afecta a todo o mundo do traballo, e outras máis conxunturais como os ERTEs. Mesmo así tanto nos ERTEs como no IMV (ingreso mínimo vital) a súa xestión estivo ateigada de atrancos para as persoas receptoras por falta de medios humanos para a súa tramitación; moitas tardaron meses en recibir a paga e mesmo hai quen tendo dereito aínda non a cobrou.

No laboral todos os focos están centrados agora na morea de despedimentos anunciados polas empresas unha vez que rematen o 31 de xaneiro de 2021 os ERTEs ligados á pandemia do Covid-19. Daquela que a mesma patronal preme para que se manteñan vixentes até que remate o Estado de Emerxencia, que practicamente coincide co inicio da temporada turística. Ao mesmo tempo hai acordo en materia de tele-traballo, despois de aceptar as posturas da patronal, e no Pacto de Toledo, e todo fai pensar que agora o debate vaise centrar na proposta de 1.000 euros mes de SMI para o vindeiro ano. Temas que implican un certo avance, porén nos que entre outras, a central sindical CIG ten manifestado que están lonxe de contemplar todas as melloras necesarias e urxentes.

Este e outros sindicatos de clase e soberanistas veñen poñendo o acento en que se están deixando de lado reclamacións da clase traballadora que son fundamentais para dignificar os salarios e as condicións laborais, e que eran compromisos electorais tanto do PSOE como de UP. Concretamente a derrogación da Reforma Laboral, que eliminou a ultra-actividade dos convenios, prima o convenio de empresa sobre o de sector, facilita o descolgue das empresas dos convenios, etc. Así como a derrogación da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do CP. A primeira está a debate no Parlamento. Trátase de normas regresivas a prol das elites que son unha lousa máis a vencer pola clase traballadora, para mellorar as condicións de traballo (salarios, contratos, xornada, ritmos, seguridade e hixiene, etc). Neste aspecto a CIG tamén critica que non se incluíse o Protocolo de Reclamacións Colectivas, que permitiría aos sindicatos realizar reclamacións diante do Comité Europeo de Dereitos Sociais, no anuncio do Governo de que se suma á Carta Social Europea revisada. Esquecemento?  Enfrontar os problemas caneando as cuestións de fondo?

Caneando as cuestións de fondo

Te puede interesar