Aveciñase unha nova crise?

Hai analistas, como Noemi Klein e Eduardo Lucita, que alertan dunha nova recesión da economía mundial. Se fose así afectaría de cheo á Unión Europea. Klein dá argumentos respecto de que a economía de Alemaña só medrou un 0,02% no cuarto trimestres de 2018, e que se rebaixaron as previsións de crecemento para 2019 até o 0,8%, especialmente polo retroceso das exportacións de automobeis a China (un 35% do total). A estes aspectos sumáselle o aumento da débeda soberana e a incerteza que vive a economía mundial por mor das sancións, bloqueos e do intervencionismo do goberno de Trump, e por suposto as consecuencias do Brexit. Alemaña sempre foi a locomotora da UE, o que condiciona a todas as economías da Unión en maior ou menor medida.

As crises da economía mundial van unidas ao propio carácter do capitalismo. Máxime nesta etapa na que o mundo amosa seus límites de recursos e por unha competencia estrema, por mor da globalización neoliberal que causa unha concentración e centralización nunca vista da riqueza e do poder. E, daquela, como consecuencia dáse un retroceso das condicións laborais e medre da desigualdade, perda de soberanía das nacións máis débiles, así como a unha desfeita dos ecosistemas. E por outro lado, no inmediato e visíbel, que países tan importantes como Turquía e Arxentina, estean a vivir unha situación económica e social delicada, tanto polas altas taxas de inflación como pola caída das súas moedas respecto do dólar. 

Noemi Klein destaca que a economía norteamericana crece por riba da europea e que crea emprego, mais que este medre faise a costa do aumento da débeda pública que xa atinxe os 21,8 billóns de dólares, ademais o déficit comercial segue aumentando. Outro dado alarmante é que as cotizacións nos mercado de valores non deixan de baixar. Un aspecto importante, xa que está ligado a uns  xuros bancarios que están en mínimos. 

O neoliberalismo vai perdendo engado a pasos de xigante para as clases medias acomodadas, que sumaban a un bo salario os lucros do capital aforrado ou investido. 

O capitalismo xa non é tan bo, as crises son cada vez máis próximas. Para canear a realidade e favorecer os sectores privilexiados os partidos de dereita fan propostas desesperadas, como VOX, anunciando a rebaixa de impostos aos máis ricos, diminuír servizos básicos e pensións, e abaratar o despedimento improcedente.  Todo indica que defenden a desigualdade por ideoloxía, obviando que alenta o drama social, e que as recuperacións baseadas na deflación laboral duran cada vez menos.

Aveciñase unha nova crise?

Te puede interesar