Auxe da mobilización obreira

Hai cuestións que afectan todos os aspectos da vida das persoas, como as relativas ás condicións laborais, o desemprego, as pensións, os servizos públicos, e os ecosistemas, a cultura e lingua. 
Mais, ás veces son colocadas nun segundo plano. Especialmente cando a noticia vai para alén do problema, e se teme que sirva de exemplo e dea pulo á mobilización. 
Nas últimas semanas resulta difícil obviar o aumento das accións reivindicativas da clase obreira, a prol de traballo digno e do aumento dos salarios. 
Entre as protestas laborais destaca a folga do metal na Coruña, que abrangue a 18.000 obreiros e obreiras. É o primeiro paro deste sector despois de vinte e cinco anos. 
Dáse no marco da negociación do convenio colectivo, polo choque entre as reclamacións operarias e os anceios de lucro da patronal. 
Un claro conflito de clase, que tamén se dá na mobilización do metal en Ourense polas diverxencias na negociación do convenio. 
Mentres que a protesta do persoal de Lefties en Arteixo ten como meta mellorar as condicións laborais; e as mobilizacións dos traballadores/as de Ferroatlántica buscan garantir o emprego, nunha comarca tan necesitada desta actividade económica. Máis complexo e igual de necesario é o paro do transporte e o dos estibadores. 
A conflitividade de clase, que nunca deixou de estar presente nestes anos na Galiza, está de novo en auxe, e todo indica que irá a máis. 
Nesta tendencia, axuda o medre do PIB, aínda que sexa limitado e conxuntural, o aumento das contratacións de persoal, o crecemento da desigualdade e da concentración da riqueza, e o “descenso” do desemprego. 
Claro que este último aspecto merece matizacións. A sensación de que diminúe o paro débese a que emigra boa parte da mocidade, dáse unha maior rotación dos eventuais, e aumentaron de xeito preocupante os contratos a tempo parcial. 
Aínda así, a taxa de desemprego de longa duración é alarmante. 
Especialmente nos maiores de 55 anos. Ademais, moitos/as dos que teñen traballo non reciben ingresos suficientes para cubrir os gastos mínimos. Hai razóns para a protesta. 
Cómpre que se manteña no tempo, ate conseguir un cambio nas condicións laborais. 

Auxe da mobilización obreira

Te puede interesar