sábado 07.12.2019

Arxentina, o cambio anunciado

ende hai varios anos América Latina vive unha regresión política, que deixou só uns poucos países como redutos de medidas económicas e sociais progresistas, e loitando por manter unhas relacións internacionais non condicionadas por Washington. Unha tarefa que non é doada, tanto pola postura agresiva do Goberno de Trump, como pola actitude cada vez máis subalterna da Unión Europea. Daquela que o triunfo de López Obrador en México e que agora o peronismo gañase as primarias na Arxentina, co 49,2% dos votos e unha diferencia sobre a dereita de 16 puntos, semella un cambio de tendencia na rexión, que cando menos permite equilibrar forzas. Tratase da segunda e terceira economía de América Latina.
O contundente triunfo da Fronte para Todos, maior do que estimaban as enquisas, ten unha relación directa coa degradación da situación social, un 38% das familias están na pobreza, o encarecemento de produtos e bens esenciais, a destrución de emprego, a caída da moeda nacional, o endebedamento exterior, e os malos indicadores da economía en xeral. O folgado da vitoria de Alberto Fernández, como Presidente, e Cristina Fernández como “vice”, fai que os votos de Consenso Federal de Lavagna (un 9%) conten menos, e que non sexa doado que Macri e compañía preman a algunha das forzas de Fronte para Todos para que mude de bando o 28 de outubro.  Porén, até as eleccións faltan máis de dous meses, un período no que todos os mecanismos do Goberno, e especialmente do poder económico e os grandes medios de comunicación, tanto nacionais como foráneos, farán o imposíbel por mudar a vontade popular. Teñamos en consideración que vivimos en contextos moi dinámicos, onde van incidir a Bolsa e o valor do dólar, as falsas noticias, e a inxerencia do poder xudicial, que poden cambiar os resultados en días. O que amosa até que punto a democracia está condicionada. Conta a prol de que non se torza a vontade da cidadanía, tanto a experiencia negativa do Goberno de Macri, onde a maior abertura da economía ao exterior e buscar a competividade coa deflación dos salarios agravou os males que padecía o país, como a existencia dunha forte estrutura sindical, un movemento social activo e medios de información alternativos. Non se debe pensar que a derrota de Juntos por el Cambio (Macri) vai implicar unha ruptura coas políticas neoliberais, porén frearíase a regresión en dereitos laborais e sociais, existiría unha maior sensibilidade respecto da clase traballadora e os sectores marxinados, e practicaríase unha política exterior soberana.

Arxentina, o cambio anunciado
Comentarios