Alcoa, chegou a hora da verdade

 presentación do ERE por parte de Alcoa, que afecta a 524 empregos (e outros tantos nas auxiliares), amosa que a dirección nunca quixo vender a parte do grupo adicada á primeira transformación do aluminio. Todo indica que foi unha escenificación co obxectivo de que non se vise que Alcoa tiña decidido o peche en todas as hipóteses. Esta é a mensaxe que a dirección da corporación non só pretende vender na Galiza e no Estado español, onde as posturas son abondo coñecidas, senón que vai dirixida esencialmente á opinión internacional, onde o grupo ten enormes intereses. Alcoa é o maior produtor de aluminio dos Estados Unidos e unha das tres grandes empresas do sector no mundo.
Por parte das forzas que defenden o futuro da comarca non podían desbotar unha saída negociada, aínda que a vise como practicamente imposíbel. Daquela que se realizasen mobilizacións constantes, e presión polos sindicatos e partidos políticos de esquerda, así como declaracións da Xunta e do Ministerio. Mais, a empresa xa tiña decidido invernar esta parte da actividade (xa que mantén a produción de alumina) e despedir ao persoal afectado. Seica para recuperar beneficios. Tamén para evitar a entrada de competidores na produción de aluminio primario? 
É o momento de ver até onde os compromisos coa sociedade galega son firmes, especialmente por parte das administracións que son as que teñen recursos xurídicos e económicos para torcer o brazo da multinacional. Forzándoa a venda, ou nacionalizando a empresa como piden as centrais sindicais e máis o BNG. Unha postura esta última que, con dúbidas, seica apoiarían o PSOE e PP, cando menos a nivel galego. Será así?  
A UE non se opón ás nacionalizacións, polo que non se pode usar como escusa, e o Goberno central fíxoo nos últimos anos con varias autoestradas de aceso a Madrid. Semella igual ou máis importante no caso de Alcoa, xa que se trata da única fábrica que produce no Estado español aluminio primario, un material básico na construción e industria. E sobre todo, é unha empresa fundamental para a economía e o emprego no norte da provincia de Lugo. Ao que cómpre engadir que este peche coincide co das centrais térmicas de Endesa e Meirama, coa mínima carga de traballo nos estaleiros de Navantia, etc. Unha situación critica para a industria galega. A reconstrución debe apostar pola economía verde, pola dixitalización, polos servizos fundamentais, porén tamén por aquelas actividades que teñen gran capacidade tractora, como a de alumina-aluminio, e a industria en xeral.

Alcoa, chegou a hora da verdade

Te puede interesar