Adianto das eleccións xerais

 O PSOE sempre soubo que non podería esgotar a lexislatura, como afirmou Pedro Sánchez na moción de censura. Se despois mudou o discurso foi coa finalidade de lle dar veracidade á escusa de que se viu obrigado a convocalas pola oposición frontal do PP e Ciudadanos. Tamén polos atrancos que lle puxeron os partidos que o apoiaron, malia que seica: o Goberno recuperou a sanidade universal, fixo a maior oferta de prazas no sector público da última década, aumentou o gasto das autonomías, etc. En poucas palabras. Uns queren botalos porque son de dereitas, están polas políticas de axuste, e axen exclusivamente a prol do gran capital. Outros porque son uns utópicos ou populistas que non teñen en consideración que o gasto ten un límite, e que non se pode rachar cos acordos da Unión Europea. 
O discurso xa estaba armado dende o principio da lexislatura, a cuestión era facelo críbel; ou sexa, que as medidas anunciadas e tomadas polos PSOE transmitisen a sensación de que realmente está disposto a apostar polos servizos públicos, empurrar a mellora das condicións laborais e os salarios, demostrar que existe o dialogo con Cataluña, etc. A cuestión é que canto máis tempo pasa os resultados das enquisas son máis positivos para o PSOE, porén tamén lle obrigan a tomar medidas conflitivas. Tanto no aumento do gasto como de impostos, e isto implica de definir con claridade até onde están dispostos a chegar cos cambios, e se asumen unha confrontación co capital (imposto de sociedades, un especifico para a banca, etc). 
Tampouco se pode obviar que neste momento, e non vai mudar axiña, o PP está en reformas e disputándose con Ciudadanos a dereita, deixando o centro abandonado, en beneficio do PSOE. Ademais, Rivera e Pablo Iglesias están descolocados, tendo que representar este troque de roles que trouxo a moción de censura. Podemos non xurdiu para facer de muleta, e Ciudadanos para confrontar cun partido sistémico, aínda que represente o neoliberalismo progresista. 
En resumo, pode que convocar eleccións este ano corte o avance electoral do PSOE, porén se as adía corre o risco, naqueles sectores que gañou ou recuperou, de que se aprecien os compromisos que ten co sistema, que non pode nen quere rachar. Polo tanto, coido que haberá eleccións xerais, e que os resultados condicionaran as municipais, sabendo que non son unha copia. Claro, que vivimos nunha conxuntura, complexa e dinámica, e todo pode mudar en poucos días, polo que non se deberían deixar de valorar outros escenarios posíbeis.

Adianto das eleccións xerais

Te puede interesar