sábado 19.10.2019

A desfeita climática

Os ecosistemas e polo tanto a humanidade están en perigo: grandes variacións do clima, os lumes, a contaminación, o medre das áreas desertas, os plásticos que enchen ríos e mares, etc. Polo tanto todas as medidas que se tomen son poucas e as protestas que esixan solucións inmediatas son necesarias, dado as actitudes refractarias que existen ao respecto por parte dos/as dirixentes de moitos países e empresas. 

Tampouco é un aspecto menor cando se pecha unha central térmica, ou unha empresa contaminante, e se esquece que existe a obrigación social de dar emprego alternativo. Especialmente cando se trata de nacións e bisbarras castigadas polo paro e o retroceso demográfico. Asemade, non se pode obviar que o sector primario e a industria teñen un carácter multiplicador tanto do PIB como do emprego, a diferenza dos servizos. E que no caso da electricidade a produción en base a renovábeis debe ser complementada con enerxías que non dependan do clima, como son o gas, carbón, petróleo, centrais atómicas... 

Polo tanto, resulta difícil de entender que se fagan accións que non cuestionen o fondo do problema. A globalización neoliberal deu pulo á economía de escala, levando ao límite o transporte a grandes distancias de mercadorías, o turismo de masas, urbes xigantescas, unha man de obra precarizada en constante desprazamento. Engadámoslle o medre demográfico, e a renovación cada vez máis curta de todo tipo de trebellos, para termos un modelo económico e social insostíbel. Ademais, a presión popular é cada vez menos eficaz, xa que confronta con grandes corporacións empresariais máis fortes que moitos países, e con institucións que dirimen conflitos que non son elixidas polo pobo e están por riba dos estados. O capitalismo está na súa etapa senil, potencia a desigualdade e converteuse nun atranco para tomar medidas efectivas para preservar o planeta, para poñer en práctica un novo modelo de produción e modo de vida.  

Hai empresas para as que a loita contra a contaminación é un negocio, e isto ten seu lado positivo, porén tamén representa un perigo, porque seus beneficios están ligados a que o problema se manteña no tempo. Daquela a importancia da centralidade do público e dun control exhaustivo. Hai que tomar medidas efectivas contra a desfeita ecolóxica, aportando solucións que ofrezan alternativas e que repartan os custes dun xeito equitativo. O ecoloxismo non debe ser unha nova arma para seguir esmagando aos países dependentes, en beneficio dos centros de poder. Sería moi grave que así fose.

A desfeita climática
Comentarios