A cidade máis vella

Impacta a crónica deste xornal sobre a taxa de envellecemento de Ferrol

Impacta a crónica deste xornal sobre a taxa de envellecemento de Ferrol, “a cidade máis vella de España”. Os datos do IGE, así como os informes do CES de Galicia aportados son demoledores. Unha baixa natalidade e unha masiva perda de xente nova cara á emigración.
Os fillos da reconversión sabemos ben como aquelo foi unha desfeita e como quebrou á nosa xeración. Agora, desde a crise bancaria, outra xeira de xente moza seguen o camiño de outros moitos, que se tal volven polo nadal como di o anuncio.
Si, houbo unha oportunidade cunha inmigración que foi expulsada pola falta de emprego e salarios dignos. Foron maltratados, convertidos en cousas, as súas fillas e fillos sinalados, buscouse a súa marxinación da sanidade, da educación, en vivendas sen habilitar. Pero, marcharon. Aprendamos da nosa propia historia, se queremos que volvan ten que ser cos mesmos dereitos que queremos para nós.