Un directo que tardou máis de corenta anos

Non é moi usual que un grupo musical se dispoña a facer a súa primeira xira de directos cando teñen pasado corenta anos desde a edición do seu primeiro traballo. O acontecido co proxecto formado por Cánovas, Rodrigo, Adolfo y Guzmán é un caso ben curioso e, se cadra, por iso desque comezaran a pisar os escenarios coas súas cancións no ano 2014 (cando tiñan pasado corenta anos da edición do mítico “Señora Azul”), atopamos unha sorte de redescubrimento dese proxecto; retornándonos melodías que tiñamos no maxín e –desgrazadamente, en poucos casos– tamén na nosa colección de discos. Así é que, cando pasaron corenta e dous anos da edición dese disco, imos ter porfín a oportunidade de escoitar as cancións en directo (mágoa a ausencia de Rodrigo) o vindeiro sábado 14 de maio ás 20,30  no Jofre. A verdade, non é sen tempo, e a algúns cóllenos xá tirando a vellos..
No meu caso, lembro que este grupo soaba frecuentemente nun programa de “Radio Popular de Vigo” –por certo, cunha calidade musical fóra de serie– que eu lograba sintonizar na miña casa de Cervás a finais dos anos setenta do pasado século. Alí souben daquelas cancións e do grupo que as interpretaba, mais facerme co disco –estamos a falar do formato vinilo, por suposto– semellaba tarefa imposíbel, porque non se atopaba polas tendas de discos, polo menos na nosa zona. Mais un bó día –non lembro de qué xeito– souben que había unha tenda de discos en Vigo -””Discos Elepé”, que aínda existe afortunadamente- que tiña a “exclusiva” dese traballo. E así foi como, nunha das miñas viaxes a aquela cidade, en Setembro do 1980, fíxenme co codiciado tesouro...
Xustamente, un par de anos despois, atopaba o traballo do que fora o xérmolo de C,R,A&G, do grupo Solera; que naquelas alturas tiña popularizado temas como “Linda Prima” ou o máis coñecido “Calles del viejo París”. Logo, a estes dous vinilos fóronse engadindo outros traballos –colectivos e individuais– dos catro membros do grupo, que sempre chegaban (como acontecera nos primeiros) á marxe dos grandes circuitos de distribución e das radiofórmulas. Nunha palabra, para facerte con estes traballos tiñas que coñecer o nome dos músicos e perder moito tempo -como fixo un servidor- nos expositores das tendas de discos...
Así foron chegando ás miñas mans as edicións dixitais dos traballos comentados, e logo os dous colectivos que editaran como grupo no ano 1984 “Queridos compañeros” e “C,R,A&G-1985” editado nese ano. E dez anos mais tarde chegaba outro -menos colectivo, porque non estaba Cánovas- chamado simplemente “Rodrigo,Adolfo y Guzmán”. Finalmente, engadíanse algúns dos proxectos individuais que os membros do cuarteto orixinal ían facendo: o de Guzmán “El país de la luz” e co grupo “Cadillac”, ou os que editara Rodrigo co título de “Canciones de amor y sátira”, “Rodrigo” e “Solera reservada”.
E, finalmente, algunhas sorpresivas rarezas. Unha delas, un tema –“Los señores de la guerra”, no que están Cánovas, Adolfo e Guzmán, con letra de Rodrigo– recollido nun disco práticamente instrumental pubricado no 1993 baixo o título BALKAN, promovido polo músico serbio afincado no Estado Español desde finais dos anos 70, Kornell Kovach. E a última rareza viña a xeito de agasallo da revista musical EFE.EME no ano 2008, cun recopilatorio de Guzmán chamado “Las rarezas de Guzmán” onde, sorprendentemente, atopamos un tema cantado en galego “Galicia é coma tí”; que presumo eu non terá nada a ver daquela campaña electoral que fixera Fraga co lema “Galego coma tí”...
Creo que o conxunto dos traballos deixan sempre ese arrecendo coral –nas voces e nas letras– ao que fora o primeiro traballo, o “Señora azul”. Mesmo os individuais de Rodrigo ou de Guzmán trasládanos ao singular son “C,R,A&G”. Persoalmente, gosto moito de “Nuestro problema”, que abordaba hai corenta e dous anos como se fose hoxe unha visión moi sensata e mesmo diría eu retranqueira da problemática nas relacións de parella; e tamén unha fermosa historia de amor entre dúas mulleres “María y Amaranta”. E, por suposto, “Linda prima”, “Solo pienso en tí”, “Señora azul”, “El país de la luz”, “Laura”...
Esquecía dicir –e quero facelo precisamente para poñer en valor o traballo das xentes do Felipop– que na edición do do 2005 unha das actuacións fora precisamente a de Cánovas, Rodrigo e Guzmán; quizáis adiviñando o que sería a posterior reunificación do grupo, aínda que sen Rodrigo. Disfrutemos o sábado, no Jofre, desta “Solera reservada” musical.

Un directo que tardou máis de corenta anos

Te puede interesar