Un alcalde activista

Señor alcalde de Ferrol, cando alguén vai de candidato á alcaldía dun pobo, os faladoiros xiran ó redor de frases como “vou loitar polo meu pobo”, “imos cambiar Ferrol”, “o pobo elixiume e non penso defraudalo”, o chocante é a súa frase, a cal, amais, repite con asiduidade: “son activista, non xestor”, case coma unha maneira de se desculpar pola súa elección, coma se fora un erro dos ferroláns, coma pedíndolles perdón por non atoparse a gusto na cadeira de brazos.
O tempo, claro, remata por darlle a razón, pois un alcalde non acolle coma primeira medida abandonar unha tradición secular como ven sendo a Semana santa, sexa crente ou non, iso faino un loitador de base; un alcalde non rexeita a nosa constitución, na cal dise que o rei é o noso representante, iso faino un activista de seu; un alcalde non rexeita o AVE por que ven sendo unha cousa para os ricos, iso faino un revolucionario convencido de que a loita de clases pasa, necesariamente, porque saiamos todos danados; un alcalde non fai uso dos baños da alcaldía coma se dun botellón se tratara, iso faino un provocador que non pode ollar alén dos seus fociños; un alcalde non pode faltarlle ó respecto ás nosas forzas armadas, xerme, ó fin, da nosa cidade, iso faino un propugnador de ideas trasnoitadas.
Un activista, claro, acostumado a berrar polas rúas e predicar consignas, as máis das veces extemporáneas, non entende que ó redor dunha mesa, a xente sentase a falar e conseguir obxectivos, non saber facer iso implica chegar a liortas no equipo de goberno e, o máis sinxelo e adoitado e ollar cara outro lado e dicir que non pasa nada, que non hai problema algún e que son problemas xerados fora do goberno. Pola contra, un xestor entende que gobernar cun socio leva consigo, de cando en vez, falar con el e tentar chegar a acordos, cedendo incluso as mais das veces. O activista entende que as cousas fanse porque si, sen atender a razóns, coma se dun pequeno ditador estiveramos a falar.
O caso é que é a primeira vez que escoito a un alcalde falar de moción de censura contra el mesmo, algo terá que ver a súa vea activista, sen que en ningures se chegara a tocar o tema, semella que necesitara da mesma, coma bo loitador, claro. Estas son as consecuencias dun activista metido nun traxe que non é o seu, as palabras non se poden votar a pacer coma se dunha xuntanza de taberna se tratara. Quéirase ou non, esas palabras verteunas vostede señor alcalde e, xa que logo, coma personaxe público que é, imos analizalas. 
Non entendo que poida ver de estraño nunha xuntanza entre PP e PSOE para levala a cabo; como activista que é, claro, non pode entender que , a día de hoxe, eses partidos políticos teñen, entre eles, moito máis en común do que poida ter o partido que vostede representa con calquera dos partidos existentes no panorama político do país. Calquera deles respecta a constitución e respecta ó seu electorado, sen andar xogando á figura do alcalde activista, calquera deles terá na súa axenda –vostede, claro, non precisa dela– temas coma o paro na nosa cidade, as infraestruturas –tamén o AVE–, a perda de poboación, a limpeza das rúas, o arranxo das rúas e beirarrúas,... calquera delas tentaría ser un xestor e deixaría as provocacións para os guións de películas de barrio.
Polo ben dos ferroláns, aínda que vostede non o sexa, pídolle que recupere a vea activista, se non a esqueceu por mor do soldo de alcalde, e póñase a berrar e ditar consignas polas rúas, seguro que ha de ter seareiros dabondo, mais o dano que lle pode facer á cidade e insignificante co que lle está a facer agora. 
Deixe a alcaldía en mans dun equipo técnico de xestores, a ver se son quen de atopar algunha solución, a ver se poden entrever algunha posibilidade entre as ruínas do que chegou a ser unha das cidades máis emblemáticas de Galicia; até, por qué non, tentaríamos volver a loitar por ser patrimonio da humanidade, cousa que, comprendo, tampouco forma parte dos desexos dun activista de seu.

 

Un alcalde activista

Te puede interesar