FILGUEIRA VALVERDE: O IMPOSIBLE EQUILIBRIO

Avixencia da elección, pola docta corporación da RAG, de don Xosé F. Filgueira Valverde como figura a homenaxear no Día das Letras, rematará nun par de meses. A designación do candidato Filgueira Valverde recibiuse entre a sorpresa e o malestar (e ata a indignación dalgúns), sen que niso mediara ningún tipo de valoración intelectual. Chama a atención, de forma escandalosa, a total ausencia de publicacións, de actos de homenaxe, de recoñecementos da súa obra ata hoxe mesmo. Chama a atención tamén o interese suscitado pola figura e a obra do seu antecesor no referido Día, o poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro e, pola contra, o total desinterese no que se move a importante obra do polígrafo pontevedrés. Un espeso e, dende logo, sospeitoso silencio caeu sobre Filgueira Valverde: un escolleito humanista, dono de múltiples saberes; un traballador infatigable que tivo Galicia como eixe e norte de todos os seus traballos: libros, folletos, artigos de prensa, estudos de especialidades diversas, etc.
O citado silencio só foi interrompido por escuros artigos dedicados a descalificar ao Filgueira franquista, ao alcalde franquista de Pontevedra sobre o que segue pesando como unha lousa unha triple maldición: o afastamento do Partido Galeguista, os seus anos de Alcalde da “Boa vila” do Lérez e o posto de Conselleiro de Cultura nos anos do posfranquismo. E nesa tarefa de defenestración continúan sesudos tirios e troianos aproveitando calquera oportunidade para descalificalo; eso si, sen dar noticia ningunha dunha obra de extensión inabarcable, oceánica, de vocación inequivocamente galeguista que, entre páxinas de libros como os dedicados ao P. Sarmiento, a Camões, a Rosalía, á nosa literatura medieval, a cidades como Santiago e Pontevedra, e moitos centos de artigos de prensa (sumadas intervencións orais), configura unha bibliografía que sobrepasa as catro mil cincocentas entradas; arredor de trescentos son  libros e sobre mil trescentas as achegas en revistas e xornais. Como home de cultura, Filgueira foi un incomparable corredor de fondo, e como tal vivía unha soidade que só aliviaba o contacto cos milleiros de páxinas e publicacións de todo tipo que consultaba no seu despacho de Director do Museo de Pontevedra; despacho ao que sempre acudiron xentes interesadas en diferentes temas e problemas da cultura galega.
Soubo o erudito pontevedrés compaxinar a tarefa docente como profesor e director do Instituto do que fora alumno; o labor xornalístico, especialmente no Ideal Gallego e Faro de Vigo; o traballo de investigador no “seu” Museo e a súa dimensión de fundador ou colaborador de numerosas institucións: Museo de Pontevedra, Instituto P. Sarmiento, Polifónica pontevedresa, Seminario de Estudos Galegos, Centro Ramón Piñeiro, Editorial de los Bibliófilos Gallegos, revista Teucro e Coro de Cantores do Instituto de Pontevedra, Universidade de Santiago, etc.
Acertara ou non, Filgueira foi un home de fondas conviccións e de actitudes coherentes coas mesmas. Foino, por exemplo, na súa dimension relixiosa. Foi, tamén, home nada proclive á maledicencia. Como humanista, o seu labor intelectual mira sempre ao pasado, onde seguramente atopou serenidade e acubillo; nese pasado estivo sempre Galicia. En síntese, Filgueira foi un home de éxito, de importante influencia polos altos postos e cargos que ostentou e polo prestixio que acadou a súa obra publicística. Por todo iso, claro está, pagou e paga o seu prezo nunha sociedade que leva moi mal o éxito alleo e prefire compadecerse do fracaso.
En 1923, mozo aínda, comezou Filgueira a colaborar na prensa, tarefa que seguía en 1990, ano da súa morte. Home amante da privacidade, familiar, atesouraba unha privilexiada formación cultural coa que enfrontou temas de pintura, lingua, escultura, prehistoria e historia, literatura, antropoloxía, cultura relixiosa, etnografía, biografía e bibliografía, folklore, música, museoloxía e arquivística e outros moitos.
Erixirse en xuíz e ditar vereditos e seguramente a vinganza do pequeno contra o grande. De Filgueira poucos e contados leron os seus libros; moitos preferiron auparse a xuíces dos seus actos con pouca obxectividade e moita demagoxia. Certo día escoitei, ao profesor Carlos Alonso del Real, unha rotunda frase: “Aborrezco a los borradores de huellas y a los escupidores de tumbas”. Semella que dunha e doutra caste temos abondo. O termo medio, o sentido común, a procura do equilibrio seguen sen callar entre nós. Mágoa.

FILGUEIRA VALVERDE: O IMPOSIBLE EQUILIBRIO

Te puede interesar