Aulas no Camiño

Aulas no Camiño foi un orixinal e frutífero proxecto cultural e de investigación, desenvolvido en Ferrol baixo a dirección do sociólogo e profesor universitario, Xosé Leira López, xunto coa coordinación de Rosa Méndez Fonte. Realizou as súas actividades dentro da Universidade da Coruña, Campus de Ferrol, e durante varios anos, a finais do século XX e comezos do XXI, estivo a percorrer os diferentes Camiños de peregrinación a Santiago, participando cada ano entre vinte e cinco e trinta alumnos da Facultade de Humanidades.

O seu principal obxectivo era afondar no estudo da realidade galega, no súa máis ampla concepción, ao longo dos concellos que atravesan os diferentes Camiños de Santiago. O propio percorrido da ruta complementábase cunhas aulas itinerantes, consistentes nunha serie de conferencias, visitas culturais e diversas actividades nas que participaban os alumnos, conseguindo unha visión multidisplinar dos distintos aspectos do estudo do Camiño.

O proxecto tivo lugar coa presenza e colaboración de diferentes profesores da Universidade da Coruña e outras universidades españolas e portuguesas, así como con estudosos e coñecedores de diversos aspectos históricos e culturais do Camiño de Santiago, expoñendo as súas colaboracións dentro de oito áreas fundamentais do coñecemento: Antropoloxía, Dereito, Filosofía, Historia, Historia da Arte, Lingua Galega,  Socioloxía e Xeografía.  

A petición do Director, Pepe Leira, tiven a honra e a sorte de colaborar en tan interesante proxecto cultural desde o seu inicio. Percorrendo practicamente todos os Camiños a Santiago, presentei os numerosos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas que balizan as diferentes rutas de peregrinación. O traballo significoume ademais dunha una grata e amigable tarefa persoal, un amplo coñecemento da xeografía galega y un enriquecemento cultural por mor do estudo dun feito tan singular e significativo como é a peregrinación xacobea. 

Precisamente con este artigo quero facer unha homenaxe de sentida lembranza ao recentemente  falecido profesor Xosé Leira, co que tiven unha estreita relación durante moitos anos, especialmente como Director que foi do proxecto Aulas no Camiño da Universidade de Ferrol, percorrendo na compaña do seu equipo os diferentes camiños de peregrinación a Santiago, o que me me permitiu establecer unha sólida amizade.

Foi unha mágoa que o proxecto Aulas no Camiño, unha vez cumprido o seu ciclo itinerante, para non perder os importantes coñecementos e a experiencia acumulada, non se convertera nun Centro de Estudos Xacobeos que continuase a investigar os cambiantes aspectos desta realidade social e cultural. Deste xeito, nunha cidade cuxos diferentes estamentos dan de costas ao Camiño de Santiago, esquecendo que Ferrol foi un dos portos de chegada das Rutas Atlánticas dos peregrinos europeos, alomenos una entidade prestixiosa mantería viva a memoria do Camiño Inglés.

Cara ao Ano Santo 2021 está a aumentar de xeito importante o número de peregrinos que fan o Camiño Inglés desde Ferrol, polo que semella de interese a celebración dun Congreso ou Simposio sobre a Ruta Marítima, continuación do feito sobre ese tema o ano 1996 en Ferrol. Cumpre ter en conta que as Rutas Atlánticas foron utilizadas polos peregrinos chegados a Compostela desde as Illas Británicas e os países flamencos e escandinavos, desembarcados principalmente nas rías de Ferrol e A Coruña, dentro do Golfo Ártabro. 

Do mesmo xeito sería necesario que o Concello de Ferrol interesase da Deputación Provincial da Coruña que editase de novo “O Libro do Camiño Inglés”, unha completa obra con numerosas ilustracións e planos, publicada o ano 2014 e non presentada en Ferrol polo entón neglixente presidente Diego Calvo. 

Na obra, diversos autores, entre eles varios escritores ferroláns, tratan de diversos aspectos históricos, artísticos e tradicionais do Camiño Inglés, tanto do itinerario terrestre como da Ruta Marítima.

Aulas no Camiño

Te puede interesar