AS XENTES QUE DE VERDADE FIXERON FERROL

Moitos ferroleños teñen a boca chea coa historia de que Ferrol foi  o lugar de nacemento de moitas persoeiros, que logo foron moi coñecidos en toda España, por diferentes razóns. Mais habería que se preguntar que fixeron pola súa cidade natal todos eses importantes personaxes que aquí naceron. Estamos a falar dos irmáns Franco (Francisco e Ramón), José Canalejas, Pablo Iglesias (o respectable sindicalista, non ese outro persoeiro das TV´s marxinais), Concepción Arenal, López Seoane, Jenaro Villamil ou Álvarez de Sotomayor .
Realmente todos eles, nos importantes traballos que levaron a cabo na súa vida e nos diferentes destinos que desempeñaron, fixeron moi pouco ou nada pola nosa urbe. Polo menos Ramón Plá, o marqués de Amboage, que tan só estivo 72 horas en Ferrol trala súa volta de América para afincarse en Madrid, deixou unha Fundación Benéfica, que no seu intre desenvolveu unha importante función económica e social para a nosa cidade.
Pero tamén hai que dicir que á súa vez Ferrol realmente fixo moi pouco por outros importantes personaxes aquí nacidos, como son os casos de Carballo Calero e Torrente Ballester.
Hoxe vemos como os distinguidos seareiros ferroláns dun e doutro escritor mercan casas en ruínas e inventan rutas literarias, pero o caso é que o importante legado documental de ámbolos dous escritores se atopa máis ou menos agachado nalgún lugar de Santiago de Galicia.
Curiosamente outros dous notorios personaxes nacidos en Ferrol son totalmente esquecidos na súa cidade natal. Federico Howard Shaw, nacido en Ferrol o ano 1864, de ascendencia inglesa; dentro do goberno de Antonio Maura, foi o principal impulsor e creador do Instituto Nacional de Previsión, precedente da actual Seguridade Social.  Alfredo Saralegui y Casellas, nacido en Ferrol o ano 1883, foi oficial da Armada; en tempos do Xeneral Primo de Rivera foi o creador do Instituto Social da Mariña e impulsou os Pósitos de Pescadores.
Nestes e noutros casos cúmprese un curioso e habitual paradoxo. Os nativos de Ferrol son coñecidos e reputados polas súas meritorias obras fóra de Ferrol, mentres que as xentes que realmente fixeron Ferrol foron unha serie de persoas que viñeron de lonxe, desde diferentes lugares do territorio peninsular, traballando na cidade moitos anos, deixando a súa obra e mesmo deixando aquí a súa vida.
Estamos a falar do sevillano Sánchez de Aguilera, o conquense Sánchez Bort, o catalán Andrés Comerma, o alicantino Jorge Juan, o palmeño Antonio Togores, o asturiano Álvarez Caballero, o vigués Rodolfo Ucha, o coruñés Eduardo de la Vega, o rioxano Zenón de Somadevilla, o compostelán Santiago de la Iglesia, o tudense Leandro de Saralegui, o madrileño Alonso Canto, o santanderino Francisco Cornejo, o malagueño Miranda y Godoy, o madrileño Gregorio Baudot, o coruñés Jaime Quintanilla, o menorquín Juan Cardona e moitos máis.   
Ultimamente se está a falar de facer un monumento na honra de rei Carlos III. O  devandito monarca foi un gobernante da España do século XVIII, que ben arrodeado dunha serie de colaboradores ilustrados, levou a cabo un importante labor a prol da modernización comercial e industrial de España.
Pero os Borbóns que realmente fixeron grande á nosa cidade foron Felipe V, que o ano 1726 nomeou a Ferrol como capital do Departamento Marítima do Norte e o ano 1733 fixo a Ferrol vila de reguengo, liberándoa do señorío do conde de Lemos, e Fernando VI, que o ano 1750 mandou levantar o Arsenal ferrolán na enseada de Esteiro.
Para non amolar aos intelectuais ferroláns de silveira e a certos intrépidos periodistas da vila, nesta lista non quixera esquecer a San Rosendo, Casares, Gurméndez, Cunqueiro, o mago Merlín e outros personaxes de ciencia ficción, que moitas veces son a teima dos citados ferroleños.
Mesmo cóntase dalgún destes personaxes que chegaran a tomar un cafeciño nunha coñecida cafetería que está situada no que o seu día fóra a Praza de España, antes de que as ocorrencias de catro alcaldes distintos a converteran nunha soa desfeita verdadeira.

 

AS XENTES QUE DE VERDADE FIXERON FERROL

Te puede interesar