Contra vento e marea. O inquedante panorama da cultura en Ferrol

Ata que Felipe González tivo o acerto de nomear Ministro de Cultura a unha persoa como Jorge Semprún, non houbo un entendemento claro do significado do feito cultural en España. Pola contra, Mariano Rajoy suprimiu en Decembro de 2011 o Ministerio de Cultura dunha nación recoñecida como unha potencia cultural.   
 No século XXI a metade da poboación vive nas áreas urbanas, polo que as cidades fomentan e poñen en valor os seus recursos de Patrimonio Cultural, Ocio e Turismo. A maior esperanza de vida e tempo libre, a globalización da cultura e o crecemento do turismo cultural, deberían contribuír a humanizalos centros históricos, pero non a desertizalos con terrazas, maceteiros e bolardos, como fai o Concello de Ferrol.   
 Leva máis dun ano a actual corporación municipal ferrolá. Como está a pasar neste país coa xente nova que chega á política, o actual Concello prefire dirixir a súa ollada cara ao pasado, xeralmente para revisalo, e dese xeito non ter que pensar no futuro, que é o que realmente interesa aos veciños. Nas calendas de San Xoán, xa se sabe: xente nova e leña verde, todo é fume.  
 Comezando polo Alcalde, cumpre dicir que ignora de cheo o feito cultural, como amosa o feo detalle de non contestar ao escrito das dezaseis entidades culturais máis importantes de Ferrol co gallo de pedir un Museo da Cidade. A tenente de Alcalde está tan ausente do eido cultural como o propio Rexedor da urbe. Estamos a falar de auténticos expertos en profetizalo pasado.
 Tamén semella que a Tríade edilicia (Cultura, Patrimonio, Turismo) do Concello non é quen de levar adiante temas de interese xeral no eido cultural. Non obstante, cumpre dicir que a Concelleira de Patrimonio é unha persoa coñecedora do seu traballo e con boas ideas sobre o particular (Castelo de San Felipe, Camiño Inglés), mais para poder facer algo ten que loitar contra vento e marea (especialmente contra Marea). 
 A programación cultural de Ferrol, incluíndo as anódinas Meninas e a inefable Poesía Salvaxe, pretende unha “reconquista escénica de rúas, prazas e mercados”, paxareira do Cantón incluída; xa veremos en que queda esa ocorrencia. O Centro Cultural da rúa do Hospital ten a fachenda de se especializar nunha presunta arte contemporánea mentres esquece aos artistas locais. O Teatro Jofre e o Auditorio continúan costa abaixo coa súa programación externalizada. 
 No que atinxe ás Asociacións Culturais da cidade, algún día habería que falar dos seus Comisarios Políticos, que realmente moven os fíos das mesmas. De momento amosan certa perlesía e indefinición, quizais como contaxio do que pasa no Concello. O Ateneo Ferrolán corre perigo de desaparición, tanto por erros propios da súa Directiva e empregados como pola postura do impresentable Concelleiro de Cultura anterior. Como ateneísta que son desde miña época de Cádiz e Madrid, láiome desta situación. 
 Mentres a Galería Sargadelos continúa coa súa boa liña de apertura a tódolos sectores da vida cultural de Ferrol, outras veteranas entidades como a Sociedad Artística Ferrolana, o Club de Montaña e a Sociedad Filarmónica proseguen as súas actividades, quizais con certa discontinuidade dentro dunha difusión restrinxida. 
 Por outra banda, desaparecidas asociacións de certo prestixio como o Liceo Rubia Barcia, Sociedad Valle Inclán ou Tribuna para el Diálogo, semella que o Club de Prensa volve a centrar as súas actividades cara a cidade onde naceu, caso da recente e notable mostra de caricaturas de Juan Carlos Alonso. Ogallá que algún día a súa “revista de culto”, FerrolAnálisis, sexa esa publicación cultural de seu que Ferrol precisa. Por outra banda, Toxos e Froles e Medulio seguen o seu errático camiño por libre; ámbalas dúas entidades ausentes na  sinatura da petición dun Museo da Cidade. 
 Nota dun F.T.V. Pronto falaremos do estropicio e o desperdicio do edificio do Hospicio.
jjburgoa@hotmail.com

Contra vento e marea. O inquedante panorama da cultura en Ferrol

Te puede interesar