A Universidade de Ferrol, tan preto e tan lonxe da cidade

índa que a Escola de Enxeñería Técnica Naval de Serantes xa comezara a súa andaina o ano 1972, cumpríronse trinta anos da presenza da Universidade da Coruña no Campus de Esteiro en Ferrol. Si ben este espazo de tempo semella curto para facer balance de resultados na vida dunha institución secular como a Universidade, pode ser un cumprido período para valorar a súa presenza na vida social e cultural de nosa urbe.

O seu asentamento nas instalacións do antigo Hospital da Armada de Esteiro levouse a cabo dun xeito, que en liñas xerais, enmarcou dignamente a estrutura arquitectónica anterior. Casos positivos como a Escola de Enfermería, respectando a construción de Rodolfo Ucha, ou a rehabilitación da Biblioteca da Casa do Patín, contrastan con outras obras que romperon de algunha forma a harmonía do conxunto. Para algúns foi discutible a distribución de espazos nos diferentes edificios, segundo se tratase de zonas comúns, aulas, despachos ou lugares de traballo, así como a carencia dunha sala de exposicións e de instalacións deportivas propias.

Desde que comezou súa andaina o Campus de Ferrol está a impartir un variable abano de titulacións, algunhas delas hoxe en fase de revisión, repartidas no campo das Humanidades e Documentación, as Relacións Laborais, a Enfermería e Podoloxía, a Enxeñería Naval e Oceánica e o Deseño Industrial, ademais de levar a cabo diversos programas de postgrado, todo iso cunha aceptación variable.

Como feito salientable, grazas a estes trinta años de presenza da Universidade na cidade, fixeron a súa carreira no Campus de Ferrol varios milleiros de estudantes. Desa maneira moitos mozos e mozas ferroláns non tiveron que abandonar nosa urbe, sendo tanto Esteiro como Serantes receptores de numerosos estudantes chegados doutros lugares de Galicia, o que constitúe un dos aspectos máis positivos desa presenza da Universidade.

Non obstante, a Universidade non logrou ser un factor de cohesión e dinamización cultural de Ferrol, a pesares do esforzo dalgúns dos seus profesores. Como exemplo favorable, cumpre salientar o proxecto cultural Aulas no Camiño, que durante varios anos levou a cabo o estudo multidisciplinar dos diferentes camiños xacobeos, aínda que finalmente foi perdendo entidade e interese ata a súa desaparición. Noutro aspecto, a Cátedra Jorge Juan, dirixida de xeito alternado pola Universidade e pola Armada, tamén foi a menos e hoxe as penas ten calado na cidade. Neste intre, soamente os Cursos da Universidade Senior amosan unha notable afluencia, quizais como tristeiro resultado do cada vez maior número de xubilados, prexubilados e desocupados existentes nesta urbe.

O certo é que a presenza da Universidade, fóra dunha serie de actos protocolarios coa participación dos figuróns da propia Universidade, do Concello ou da Armada, non logrou a súa vertebración no mundo cultural da cidade, nin se materializou nunhas sostidas actividades de investigación.

O caso máis rechamante foi a ausencia da Universidade nos traballos a prol de Patrimonio da Humanidade. Cumpre preguntarse si estamos ante unha total falla de interese da Universidade ou un maltrato máis do Concello de Ferrol.

Cabe buscar posibles solucións a esta tristeira situación. Deberíase pensar en levar a cabo uns sostidos Cursos de Verán, como fan moitas universidades, o que sería unha boa forma de poñer en valor dunha vez o desleixado Castelo de San Felipe, Así mesmo poderíase facer un Congreso sobre as Rutas Atlánticas de Peregrinación a Santiago, cara ao Ano Santo 2021, dun xeito similar ao que celebrou en Ferrol a Xunta de Galicia o ano 1999. Habería que pensar tamén en dar a necesaria continuidade a ese interesante I Congreso do Patrimonio da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, que celebrou a Universidade o ano 1999.

A Universidade de Ferrol, tan preto e tan lonxe da cidade

Te puede interesar