O RESPONSABLE DA CULTURA EN FERROL NON ESTIVO? QUIZAIS SE LLE ESPERA?

                                                                                                              Para os meus amigos Encarna e Luís, nas terras de Loiba

O Patrimonio Cultural dunha cidade e un conxunto de Bens Materiais e Inmateriais que constitúe unha das súas principais sinais de identidade. Os poderes públicos máis próximos aos cidadáns, é dicir os Concellos, deben velar pola súa protección, facer o seu inventario ou catalogación e levar a cabo as accións necesarias para fomentar o seu coñecemento e difusión.
Ferrol ten unha longa historia de seu, con períodos de crises e prosperidade que lle deixaron unha singular pegada e unhas especiais sinais de identidades. Sen ánimo exhaustivo e sen establecer prioridades, entre estas sinais están o propio Ferrol da Ilustración, con monumentos como o Castelo de San Felipe ou a Porta do Dique, o Modernismo e as súas construcións, a Semana Santa e as súas procesións, as Pepitas coas súas Rondallas, as festas da Parrocheira e de Amboage, a noite de San Xoán e os Maios de Canido, o Camiño inglés, o Patrimonio Industrial e a cultura do traballo, todas elas con diferente valoración cidadá.       
Nos últimos tempos, o Camiño Inglés, o Patrimonio Industrial de Ferrol e o Modernismo de Rodolfo Ucha estiveron totalmente esquecidos, ante a pasividade dun concelleiro de Cultura, que nunca estivo no seu lugar e a maiores cabreou a todo o mundo, e o nulo apoio dun presidente da Deputación Provincial, que ademais era concelleiro de nosa cidade. En canto ao Camiño Vello de Teixido, bastante ten coa indolencia do alcalde de Narón.
Os dous grandes fracasos da política cultural ferrolá son o Patrimonio da Humanidade e o Museo da Cidade.
No que atinxe ao Patrimonio Mundial, que leva case quince anos dando voltas e reviravoltas, o Alcalde saínte, a pesares da súa boa intención, non fixo absolutamente nada, é dicir o mesmo que os anteriores rexedores. Neste tema hai que salientar o nulo apoio da Xunta de Galicia e a postura totalmente negativa do Ministerio de Defensa; estamos a falar da Armada, en teoría tan vencellada a Ferrol, pero que nunca amosou interese en colaborar neste aspecto.   
Outro gran fracaso de Ferrol nestes últimos anos foi o Museo da Cidade, unha carencia que non está compensada polo Museo Naval e a Exposición da Construción Naval, no seus respectivos papeis de dar a coñecer a cultura da historia naval e dos procesos industriais que lle son propios. Ningunha corporación municipal foi quen de facer cosa algunha a prol do museo.
Poderíamos seguir falando do triste papel xogado neste ámbito polas Asociacións Culturais,  Sociedades e Clubs similares, ou do nulo papel da Universidade ferrolá, incapaz de facer un congreso sobre o Patrimonio Cultural da comarca de Ferrol. Como exemplos concretos temos en Ferrol a vergoña do maltrato ao Cristo da Tahona, e xa na comarca temos os exemplos do abandono patrimonial do mosteiro do Couto en Narón, do castelo da Palma en Mugardos ou do convento de Montefaro en Ares.
O anterior responsable de Cultura nunca estivo, pero coido que tampouco se espera que estean os responsables de Cultura da nova Congregación (perdón, Corporación) municipal.
Despois de botar unha ollada ao insubstancial programa de Cultura de Ferrol en Común (case a metade do tamaño que o programa dedicado a Benestar Animal), podemos ler na prensa que terá lugar un reparto de áreas: Cultura por unha parte, Patrimonio Histórico por outra, e mesmo Turismo polo seu lado.
Que significa ese reparto de competencias, que lembra ao “parto dos montes” da fábula de Esopo? Que vai a xestionar cada un dos responsables desas áreas? De que medios económicos dispoñerá cadaquén? Deixen de pedir cen días de cortesía e vaian informando do que van a facer nestes eidos.

 

O RESPONSABLE DA CULTURA EN FERROL NON ESTIVO? QUIZAIS SE LLE ESPERA?

Te puede interesar