O patrimonio cultural e as subvencións; máis do mesmo

risto da Tahona. Dentro do Patrimonio Cultural inscríbese de xeito singular o Patrimonio Etnográfico, un conxunto de bens materiais, testemuña das actividades da cultura tradicional, e de bens inmateriais ou intanxibles, que reflicten as tradicións e formas de vida dun pobo. Dentro do Patrimonio Etnográfico atópase o cruceiro, a obra máis senlleira da arte popular galega.  
Dentro dos tristeiros exemplos do descoido dos cruceiros de Ferrolterra, salienta o rechamante caso da escultura medieval do Cristo da Tahona, unha das cruces de pedra máis antigas de Galicia. Fai vinte anos recuperouna para a cidade o concelleiro de Cultura Bonifacio Borreiros, traballo malogrado polos seus sucesores en Cultura, agachando de xeito vergoñento o cruceiro nun recuncho do presunto Centro Cultural Municipal. Cecais o seu próximo destino puidera ser o Xardín dos Ferragachos e Naturezas Mortas de San Francisco.
Subvencións culturais. Leo na prensa as última novas sobre as subvencións culturais do Concello. Dunha simple ollada vexo o de sempre; como pasa nos concursos deturpados, reparto de premios aos non participantes. Non se entende ese apoio municipal ás Meninas de Canido, que nin sequera interesa aos os pintores e asociacións artísticas de Ferrol. O que naceu como unha boa idea para poñer en valor o barrio alto da cidade, co paso do tempo derivou nun espectáculo circense, a maior descrédito do Concello.
Tamén é pouco explicable a subvención cultural a Toxos e Froles, unha entidade que leva os últimos anos ausente do mundo cultural da cidade, mesmo foi a única que fai pouco tempo non firmou a petición dun Museo da Cidade. Ten certa lóxica o apoio a un Ateneo Ferrolán, que non atopa acougo, nin voluntarios para a súa directiva, en horas baixas polos seus propios erros e pola incompetencia do anterior concelleiro de Cultura. Vexamos se levanta a testa dunha vez e recupera o seu importante patrimonio cultural. 
Museo da Exponav. De volta de coñecer os notables museos de Oslo e Estocolmo, cúmpreme facer un especial comentario encol da Exposición “Faros. 2000 anos”, que se pode visitar na Exponav, previo pago da entrada ao propio Museo. Tendo en conta que moita xente xa coñece o Museo da Exponav, ou sinxelamente tan só desexa vela exposición, coido que estamos ante unha imposición pouco axeitada cara aos visitantes.
Por unha vez que Exponav ofrece unha interesante exposición de tema naval, na vez de facer mostras de Feiras do Viño e similares, semella que non se trata dunha boa práctica. Sería de interese coñecer se os patrocinadores da exposición, o Ministerio de Fomento e Portos do Estado, coñecen e están de acordo con esta decisión da Exponav.  
Exposición de Ferrol da Ilustración. Falando de exposicións é unha bulra o anuncio na prensa local da “Exposición de candidatura do Ferrol da Ilustración a Patrimonio Mundial”, con horario de visita de mañá e tarde, no Antigo Hospicio. Pódese comprobar que ese presunto contedor cultural atópase pechado a cal e canto.
O Concello, como sempre, nin sabe, nin contesta. Ninguén informa onde se atopan as exposicións de Ferrol da Ilustración, que no seu momento foron presentadas en diversos lugares dentro e fora do territorio nacional. Do mesmo xeito tampouco ninguén informa da abondosa documentación sobre o tema, recollida en diversos arquivos de fóra de Ferrol, incluíndo centos de planos e documentos, hoxe esquecidos en algunha dependencias municipal.   
Museos de Ferrol. Nos últimos meses se está a falar do Chalé de Canido, obra de Rodolfo Ucha, e a súa posible adquisición polo Concello, xa perdida a ocasión de que fose ese demandado Centro Cívico do barrio alto. Encargada por un emigrante á Cuba, Juan Sixto Vázquez, natural de O Seixo, trátase dun edificio de interese e que algúns propoñen como posible sede dun Museo da Emigración. Realmente o que Ferrol necesita en primeiro lugar é ese demandado Museo da Cidade, que ninguén foi quen de lograr para a nosa urbe.

O patrimonio cultural e as subvencións; máis do mesmo

Te puede interesar