O MUSEO DAS MARIÑAS, UN ESPELLO PARA FERROL

Os museos públicos, como hoxe se coñecen, naceron maioritariamente a comezos do século XIX, dentro das ideas da Revolución Francesa, cun dobre obxecto: custodiar o entón chamado Patrimonio Histórico-Artístico e difundir as obras de arte, en especial as de pintura e escultura, nunha incipiente función de protección propiciada polo Estado.
En Galicia tanto Santiago de Compostela como as catro capitais provinciais dispoñen dun variado número de museos para mostrar aos cidadáns o seu Patrimonio Cultural. Moitas localidades galegas, desde Mondoñedo a Melide ou desde Tui a Betanzos, teñen tamén museos de diversa entidade, mentres Ferrol se amosa incapaz de ter algún espazo para expoñer o Patrimonio Cultural da cidade.
Cumpre facer unha seria reflexión sobre o Museo que precisa unha urbe nacida o século XVIII como base naval e vila de reguengo, que tivo un pasado de vila de señorío medieval e que, ao ser nomeada cidade, recibiu a pegada, entre outras, do Modernismo. Se ben dispón do Museo Naval e da Exposición da Construción Naval, que mostran a historia da Armada e da industria naval, Ferrol precisa un Museo da Cidade, habilitando un lugar axeitado.
En primeiro lugar Ferrol debe dispoñer dun edificio para expoñer as abondosas mostras de pintura, escultura e artes gráficas espalladas en diferentes lugares da cidade. Moitos destes fondos fixos poderían ser expostos de xeito permanente nas salas de zona nobre do Centro Cultural Municipal Torrente Ballester, unha vez acondicionadas para iso. O resto do Centro Cultural pódese destinar a acoller exposicións e mostras artísticas temporais, incluíndo aos autores locais.  
En segundo lugar cumpre habilitar un edificio emblemático para Museo da Cidade, onde se poidan expoñer os obxectos referentes á Ilustración e o Modernismo, os bens do Patrimonio Industrial e Comercial, da emigración, do periodismo e da cultura do traballo, os bens etnográficos, os relativos á relixiosidade popular, á música tradicional e ao deporte ferrolán, e os fondos cedidos por entidades oficiais e asociacións culturais, sen esquecer as dúas rutas históricas da comarca, o Camiño Inglés e o de Teixido. É dicir, todo aquilo que forma parte dos sinais da identidade da cidade.
No Museo da Cidade debe estar a dispor dos investigadores a documentación histórica que atinxe a Ferrol, incluída a relativa ao expediente de Patrimonio Mundial, así como as coleccións documentais cedidas por particulares. Como complemento ao Museo, no seu día débese crear un Centro de Estudos Locais e a correspondente Revista de Estudios Históricos, un Anuario que recolla e difunda os traballos de índole cultural e histórica especialmente referidos a Ferrol e a súa comarca.
Ferrol pódese mirar no espello de Betanzos, onde o nobre conxunto monumental do convento de Santo Domingo acolle o Museo das Mariñas, o Arquivo Histórico da Cidade e a Biblioteca Municipal. Alí tamén se edita o prestixioso Anuario Brigantino, lugar de acubillo dos escritores exiliados ferroláns, entre os que me conto, ante a falla dunha revista de Estudos Locais nunha cidade ilustrada como Ferrol.
O Museo das Mariñas ten carácter multidisciplinar, abranguendo variados aspectos da historia da cidade de Betanzos. Entre outros, mostra restos romanos, escultura funeraria medieval, un Apostolado completo da escola de Rubens, coleccións de traxes tradicionais, salas variadas con obxectos do mundo das vellas escolas ou ferramentas dos antigos oficios. Ferrol poderíase mirar no exemplar espello que representa o Museo das Mariñas e facer unha seria reflexión sobre o tipo de Museo que necesita a nosa cidade.
Unha serie de entidades culturais de Ferrol e de escritores ferroláns están a apoiar un próximo manifesto a prol dun Museo da Cidade. Trala súa próxima presentación pública esta petición presentarase oficialmente ao Alcalde de Ferrol, con copia aos responsables municipais de Cultura e Patrimonio. Vexamos cal vai a ser a actitude do Concello. 

O MUSEO DAS MARIÑAS, UN ESPELLO PARA FERROL

Te puede interesar