O maleficio do estropicio do edificio do Hospicio e unha cantiga estelar

Un exemplo do mal uso das instalacións municipais é o do edificio do antigo Hospicio Municipal, nacido o ano 1790 como Mesón de Valentín, unha vivenda neoclásica ocupando un solar de 500 m2. Tratábase dunha construción composta de baixo, dúas plantas, bufarda e patio interior. O ano 1860 parte do edificio que daba á praza de Amboage ocupouse pola sociedade La Tertulia de la Confianza, xermolo do futuro Casino Ferrolano. 

O ano 1875 o Concello de Ferrol mercou o edificio, destinándoo a Hospicio Municipal, relevando nesta función ao antigo Hospital de Caridade, construíndo o arquitecto Manuel de la Riva o pavillón de nenos cara á rúa María. O ano 1904, despois dun incendio, sufriu unha ampla reforma que levou ao edificio actual. 

O ano 1908 o edificio acolleu o colexio Santa Teresa, que funcionou ata os anos 1980. Desde entón albergou, entre outros, o Museo de Historia Natural, unha Escola de Danza e os pasos da Confraría de Dolores. Con fondos do Plan Urban rehabilitouse a fachada da rúa do Sol e a parte central o ano 2011, quedando listo o edificio en novembro de 2012, tras investir 1,3 millóns de euros nos mil metros cadrados útiles. 

Deste xeito, o edificio hoxe dispón de variados espazos practicamente sen usar. No piso baixo un amplo salón de actos para máis de cen persoas, no piso primeiro unha ampla aula corrida cunha serie de modernos ordenadores, sen uso coñecido, e no segundo unha diáfana biblioteca, ademais de pequenos despachos laterais e un altiño ou bufarda para usar como arquivo. No patio interior un ascensor, moitas veces escangallado, rompe a estética da contorna. 

No seu día destinouse a bufarda como arquivo do Centro de Documentación do Patrimonio, para consulta polos investigadores de Ferrol da Ilustración. Mal xestionado pola organización empresarial Cofer, pronto  deixou de funcionar. Tratábase dun lugar de difícil acceso para gardar unha importante documentación,  non cumprindo as normas de seguridade esixidas para a súa custodia. Hoxe descoñécese o estado dos máis de 3.000 importantes rexistros de planos e documentos alí almacenados, relativos á petición de Patrimonio Mundial, ademais das exposicións con paneis de Ferrol da Ilustración e Ferrol Modernista. 

Foron varios os intentos de utilización do edificio: Centro Cívico, Casa da Xuventude, Escola de Hostalería, Sede de asociacións culturais e veciñais. Ultimamente anunciaron a súa presenza no edificio as entidades Veciños da zona Centro, Club de Prensa, SAF, Sociedad Filarmónica e Medulio, pero, froito da desorganización municipal, o edificio atópase normalmente pechado, sen persoal para a súa atención e sen coñecerse os seus usos. Polo menos cumpre pensar nunha rehabilitación histórica da parte sur, cara á praza de Amboage, para poder instalar ese necesario Museo de Pintura da Cidade .

O Concello debe considerar que estamos a falar dun edificio singular polos seus valores arquitectónicos e polos múltiples usos cidadás que tivo, todo iso presente na memoria histórica dos veciños, afectando a unha contorna como a antiga praza de Dolores, quizais o lugar menos agredido do barrio da Magdalena. 

 Unha cantiga exemplar 
Un camiño pola terra,
un camiño polo mar,
un camiño pola vida,
pola morte un camiñar …..

A tódolos e tódalas entusiastas e ineficaces propagandistas do Camiño de Santiago hai que lembrarlles que a fermosa Cantiga do Camiño Estelar, obra con letra e música do profesor e músico ferrolán Manuel Pérez de Arévalo, gravada o ano 1975 polo orfeón Terra a Nosa, xa fora proposta como Himno oficial do Camiño de Santiago. Xa é hora que a inoperante Xunta de Galicia, a quen se lle fixo esta proposta o ano 2014, informe do estado da cuestión.

O maleficio do estropicio do edificio do Hospicio e unha cantiga estelar

Te puede interesar