A lastimera imaxe do marqués de Amboage

Fai agora cento vinte e dous anos que se inaugurou a estatua do Marqués de Amboage, dándolle o seu nome á antiga praza de Dolores. Nos últimos tempos a cerimoniosa escultura do marqués, obra do artista madrileño Enrique Duque, amósase descoidada e sucia, carecendo do escudo de Ferrol, espoliado fai varios anos. 

Desde a miña mocidade, na que pasei moitas lúas na praza de Amboage xogando á pelota e fumando os meus primeiros pitillos, chamáronme a atención as historias arredor do marqués. Pensei que algún día tería que viaxar a Cuba para coñecer a súa verdadeira historia, o que fixe cincuenta anos máis tarde. Pescudando nos arquivos da illa e falando cos historiadores cubanos, comprobei a falsidade da lenda da súa fortuna adxudicada ao tráfico de escravos. 

Ramón Plá y Monge naceu o ano 1823 na rúa do Sol; os seus antergos chegaron a Ferrol desde Cataluña o século XVIII, dedicándose ao comercio do viño. Sendo mozo emigrou a Cuba, o mesmo que fixeron, entre os anos 1830 e 1842, catro irmáns e a súa nai. Alí traballou de arreo, foi empregado e propietario dunha ferraxería na Habana e fundou as empresas de subministro de gas a La Habana e Matanzas.

Enriquecido co seu traballo, non fixo como tantos “indianos” galegos de volta a súa terra: pasear polo seu pobo vestido de cubanito cun sombreiriño de palla, levantar un chalé seudomodernista cunha palmeiriña na entrada, e, polo si ou polo non, pagar unha escola ou unha capela para tranquilizar a súa conciencia. Ramón Plá, home moderno e emprendedor, fixo unha curta visita a Ferrol, instalou a súa anciá nai na Coruña, afincouse en Madrid o ano 1870, casou de novo e aumentou a súa fortuna no sector bancario.

Nun intre no que a sensibilidade social reducíase ao exercicio da caridade pola igrexa ou por entidades tan voluntaristas como anacrónicas, Ramón Plá, marqués de título pontificio, que non da nobreza de España, obtivo esta distinción polo seu xeneroso labor de creación o ano 1892 dunha exemplar Fundación Benéfica en Ferrol, rexida polo alcalde da cidade, o cura párroco máis antigo e catro membros, pertencentes á clase traballadora, de xeito obrigado por estatutos. A Fundación, creada en lembranza da temperá morte do seu fillo primoxénito, foi un exemplo de xenerosidade cara á súa cidade.

Recoñecido como exemplar patriota pola prensa e polos intelectuais galegos da súa época e lembrado con agradecemento por moitas familias ferrolás, foi posteriormente atacado e denigrado por ignorantes da dereita e da esquerda, adxudicando a súa riqueza a unha presunta dedicación á trata de negros, actividade que nunca exerceu. 

A Fundación Amboage de sempre honrou a figura do marqués e fixo un importante labor, redimindo aos quintos chamados ao servizo militar, premiando aos licenciados do servizo, e finalmente doando importantes esmolas ás entidades benéficas ferrolás. Hoxe en día, un desleixado acto celebrado polo Concello o día 31 de agosto na súa homenaxe, trata de lembrar a este persoeiro ferrolán. 

Fai varios anos publiquei en Madrid, entón non me deixaran publicalo en Ferrol, un libro encol da vida e obra deste personaxe, lembrando as que foran espléndidas festas laicas de Amboage. Festexos que tiveron gran sona dentro de Galicia, especialmente os afamados fogos do Marqués, hoxe cada vez máis arredados da praza onde naceron, mentres celébrase un esgumiado programa de festas, agás algunha actuación musical de interese (onde está Toxos e Froles ?). 

Neste senso, os tempos pasados, e desde logo os responsables das festas, eran mellores que os de agora. Sinxelamente, non eran políticos, eran xente do pobo.

A lastimera imaxe do marqués de Amboage

Te puede interesar