Feira de Mostras: o fracaso de Ferrol ante os nosos retos

os novos escenarios de século XXI nosa sociedade enfróntase a novos e cambiantes retos: unha crecente globalización, a terciarización da economía, a transformación das estruturas sociais, as modernas tecnoloxías da información, unha mellora e crecemento das infraestruturas e das comunicacións, a presenza dunha sociedade multicultural, o problema do respecto medioambiental, a posta en valor do ocio e o turismo, e unha crecente demanda cultural da sociedade, todo iso dentro dunha crise que neste intre semella ser algo máis que circunstancial.    
 Desde o século XVIII Ferrol sufriu diversas alternativas na súa dedicación case exclusiva á construción naval, orixinando este monocultivo industrial un certo desequilibrio do seu tecido económico e social, e mesmo afectando ás sinais de identidade e de autoestima da urbe. Nos últimos anos Ferrol está a tratar de reactivar unha serie de proxectos das diferentes administracións que poden significar un notable pulo para a desexable recuperación da cidade. 
Neste labor é necesaria a presenza coordinada dos poderes locais, axentes económicos e sectores socioculturais (é dicir, a sociedade civil), traballando todos xuntos no eido da rexeneración social e económica, mesmo no campo do ocio e do turismo, impulsando modernas solucións e propoñendo novas alternativas.   
 Ata de agora Ferrol, en contra do que pasou noutras cidades con problemas semellantes aos nosos, non foi quen de crear un ente, que estivera formado por membros tanto do sector público como das entidades privadas, traballando xuntos na busca dun desenvolvemento integral e sostible da urbe, dentro dunha visión a medio e longo prazo, considerando a interacción dos factores sociais, económicos, ambientais e culturais, e facendo este labor co claro convencemento de que o futuro de Ferrol pasa pola revitalización do centro da cidade e os seus barrios, facéndoos habitables e evitando unha delirante proliferación das rúas peonís.
 Trala desaparición, primeiro da Fundación Ferrol Metrópoli, e logo de Tribuna para el Diálogo, ámbalas dúas cunha especial dedicación a este tema, con certos logros e algúns fracasos no eido do desenvolvemento económico e social da cidade, ningunha entidade ferrolá posterior foi quen de facer un labor de interese neste asunto. Neste intre contemplamos o practicamente nulo traballo das asociacións empresariais, incluídas a COFER e a AEF, a vergoñenta desaparición da Cámara de Comercio e xa, dentro do propio Concello, o total fracaso da xestión do expediente de Patrimonio da Humanidade, que ven de anos atrás.
 Caso especial é o que está a pasar coa Feria Internacional de Muestras del Noroeste (FIMO), e as súas instalacións, incluído o Edificio de Usos Múltiples, de Punta Arnela na Malata, un conxunto situado nun lugar privilexiado da cidade, a algo máis dun quilómetro do centro. O recinto dispón duns 50.000 metros cadrados de superficie, a metade da cal é superficie útil, tanto cuberta como non. Ten dispoñibles dous amplos auditorios, cinco pavillóns principais, cafetería e restaurante, diversos locais e oficinas e un amplo aparcamento. 
En resumo, un lugar axeitado para a celebración de exposicións comerciais, empresariais, deportivas, culturais e de lecer.   
 Na coñecida como Feira de Mostras, nacida en xaneiro de 1959, que é a decana das existentes en Galicia e que chegou a ter categoría internacional, en tempos pasados celebráronse importantes certames sobre o sector naval, a empresa, o automóbil, a alimentación e diversas actividades de turismo e ocio, ademais de concertos e actuacións musicais. 
Hoxe arrastra a súa decadencia, sen ningunha clase de actividade, coas instalacións practicamente sen uso, e con problemas de mantemento, desde a presenza de humidades ao mal estado de teitos e cubertas.
 As instalacións da Feira de Mostras pasaron a ser propiedade do Concello de Ferrol desde o pasado ano 2015, sen que se coñeza que exista un mínimo plan de usos e xestión das mesmas. 
Dese xeito, este caso únese ás instalacións de Sánchez de Aguilera, aos edificios de Facenda, Telefónica e Aduanas, a Cámara de Comercio, a Comandancia de Mariña, a Casa do Mar e a todas aquelas construcións e instalacións, mesmo as de fóra do casco urbano, dependentes de diferentes administracións que non se sabe que facer con elas.   
 Coñecemos que dentro das entidades sociais e asociacións culturais da nosa urbe, máis dunha está a buscar solucións concretas e a facer razoadas propostas de todo tipo para relanzar a FIMO, desde a celebración de feiras especializadas e temáticas ata usos culturais, dedicando espazos das súas amplas instalacións á pintura, o gravado e a fotografía. 
Do mesmo xeito poderían estar instaladas de xeito permanente os paneis das exposicións de Ferrol da Ilustración e Ferrol Modernista, que hoxe se atopan arrumbados nalgún lugar do Concello.
 Outros posibles usos para a FIMO poderían ser aquela prevista Escola de Formación de Hostalería e Cociña, ou a celebración dalgún mercado ou feira de carácter mensual ou trimestral, ben de carácter gastronómico, ben de libros, artesanía ou obxectos artísticos. Desde logo, nesta reactivación da Feira de Mostras habería que conseguir a axuda institucional, tanto da Xunta de Galicia como da Deputación Provincial da Coruña, sempre erráticas e raquíticas nos seus apoios a Ferrol.   
 O Paradoxo dos Museos de Ferrol. Parabéns ao Museo Naval. A pesares do seu limitado presuposto, está a facer un salientable traballo de interese cultural, tanto na súa exposición permanente dos seus interesantes fondos históricos como nas mostras ocasionais, caso da última exposición Dos días de gloria, coa que inaugurou a nova Sala de Usos múltiples.   
 Pola contra, censurala desconcertante andaina de Exponav. Cun significado apoio económico da Xunta de Galicia (que ten que ver neste apoio a Consellería de Asuntos Sociais?) e da sempre veleidosa Deputación da Coruña, vemos que nas salas do museo de Herrerías certo día se presenta un Salón Profesional do Viño, na vez de facerse cargo, por exemplo, de poñer en valor os arquivos e exposicións de Patrimonio da Humanidade, xa que logo o Concello non ten nin idea de que facer con iso. 

Feira de Mostras: o fracaso de Ferrol ante os nosos retos

Te puede interesar