AS FESTAS DO BARRIO DE CANIDO

Canido, o barrio alto de Ferrol, vai a estar pronto de festa. Con independencia das diversas teorías da orixe do seu nome, o historiador Cal Pardo escribe que o ano 1111 a entón “villa de Canito et suos homines” foron cedidos por Munia Froilaz ao mosteiro de San Salvador de Pedroso, polo que estamos a falar de máis de novecentos anos da existencia do topónimo que da nome ao barrio.
O barrio de Canido formouse de xeito paseniño desde o medievo, cunhas casiñas espalladas ao longo dun vello camiño que subía desde a capela de San Roque contra o outeiro de Canido e logo baixaba pola aba de poñente, cara á Fonte de Insua e á Malata. Canido foi de sempre un barrio agrario e labrego, de vivendas terreas cercadas de leiras e hortas onde se cultivaban a vide e os cereais. 
Configurado arredor da praza do Cruceiro, encrucillada inmemorial e corazón latexante do barrio, suxestivos topónimos lembran a súa historia: Praza da Tahona, Fonte de Insua, Brisas de Canido, Cangrexeiras, Muiño do Vento, Maiola, Marola, Estrela, Praza do Cruceiro, Corral de Chapón, Miramar, Ribas de Abaixo e a Costa do Raposeiro, onde aínda se pode ler nunha placa “Aldea de Canido”.
 A prolongación cara ao norte de varias rúas transversais da cidade: San Diego, Hospital, Terra, A Coruña, foi o xermolo do seu crecemento a comezos do século XIX. A partires do ano 1930 o novo trazado da rúa Alegre foi o eixo de expansión de Canido, coas parroquias de Santa Cruz e San Rosendo configurando o barrio. Nas últimas décadas modernas urbanizacións e novas rúas de amplo deseño como a Pérez Parallé danlle unha nova fisionomía a Canido.  
En Canido viviron coñecidos persoeiros ferroláns: Fontenla Leal, os López Bouza, Emiliano Balás, Pérez Parallé, Xohana Torres e Carmelo González, mais tamén albergou nas súas rúas a personaxes populares, tan ben retratados por Siro, como Pimborete, o enxeñoso cazador de gatos, ou Maruxiña, aquela entrañable señora de “nunca chegamos a ricos”. 
No seu aspecto material, mentres permanece como pode o secular cruceiro da praza de Canido, desapareceu da vista pública a xoia medieval do Cristo da Tahona, que os ignorantes gobernos municipais non son quen de poñer en valor. Derrubados tanto a fábrica de Fenya como o Depósito de Auga, antigo faro do barrio, e desaparecido o vello cemiterio de Canido, o primeiro camposanto galego da Ilustración, arrastran a súa desfeita a Casa do Pobre, o Corral de Chapón e o Chalet modernista de Sisto.  
 Canido conserva un singular Patrimonio intanxible baseado en arraigadas tradicións do mundo rural, celebrando os Maios e a Festa da Santa Cruz. Os ritos e costumes destas festas de Maio son a herdanza de antigos cultos agrarios conservados nas comunidades agrícolas, que a Igrexa, co seu acostumado sincretismo, integrou dentro dos seus ritos relixiosos, convertendo Maio no Mes das Flores e adoptando como súa a festividade da Exaltación da Santa Cruz. 
 Hoxe o mantido costume destas festas de adobiar con flores e follas o vello cruceiro da praza de Canido e de levantar pequenos altares e figuras vexetais nas rúas do barrio, mentres os nenos cantan as tradicionais coplas, constitúe un sobranceiro exemplo de posta en valor do barrio e de humanización dos espazos urbanos en perigo de degradación, así como un exemplo de conservación dunha tradición ferrolá. 
 Acotacións dun F.T.V. Canido, onde eu vivín moitos anos, está de xolda. Agora fálanme doutro Canido: o da Poesía Salvaxe, o Canido das Meninas, o do Tanatorio do Centro Cívico, o das prazas e rúas de perigosos bolardos e maceteiros. Deixo ese novo Canido para os contacontos do Concello, os frenéticos activistas culturais e os profetas posmodernos ferroláns. 

AS FESTAS DO BARRIO DE CANIDO

Te puede interesar