Ferrol, Patrimonio da Humanidade. Pasado estéril e futuro escuro

No ano 2001, nunha sesión conxunta, o Concello de Ferrol e a Academia Galega de Belas Artes fixeron a proposta de declarar Patrimonio da Humanidade ao conxunto do Arsenal e Castelos da Ría de Ferrol, recoñecendo o alto valor patrimonial deste conxunto histórico de Ferrol da Ilustración. Comezou así, baixo a xestión do Concello ferrolán, a preparación da candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade. 

Nestes dezaoito anos pouco máis se fixo que un traballo de recompilación da información documental e bibliográfica necesaria para o proceso, que se plasmou logo nunhas interesantes publicacións de difusión restrinxida. Entre os erros cometidos, non se informou de xeito cumprido aos cidadáns; estivo ausente a Universidade de Ferrol; non se contou cos Colexios de Arquitectos e Enxeñeiros Navais; deuse de lado ás Asociacións Culturais, tan importantes na súa difusión. A maiores, o proceso tivo o esquecemento das Asociacións de Empresarios e da Autoridade Portuaria; e a escasa colaboración do Ministerio de Defensa, da Xunta de Galicia e da empresa Navantia. 

O proceso significou unha importante inversión económica de varios centos de miles de euros, que non xustifica o nulo avance do expediente e sen obter, ata de agora, un resultado positivo. Tralo pequeno pulo inicial da alcaldía de Xaime Bello, incluído o Concelleiro de Cultura Bonifacio Borreiros, seguiu a mala xestión das seguintes corporacións, moitos delas semellando non decatarse de que trataba a cosa. 

Ao longo deste amplo período non se creou o necesario Padroado ou Fundación, nin se nomearon os axeitados Xestores para desenvolver os Plans de Usos e Xestión dos monumentos e bens considerados, mentres o proceso segue a ter unha morea de debilidades. Deica cando esa descoidado murallón que illa á cidade das instalacións da Armada; o uso pouco axeitado polo Ministerio de Defensa dalgunhas construcións do século XVIII; a nula utilización cultural das instalacións do castelo de San Felipe; o alto grao de contaminación estética e industrial da ría de Ferrol; o crecente descoido da Alameda e do barrio da Madalena; e así a seguir.

Semella vergonzoso que a importante información documental recompilada nestes anos non estea a dispor dos investigadores nun lugar axeitado, baixo o control do Concello. Estamos a falar dunha base de datos duns 3.000 rexistros, entre documentos, mapas e planos, mesmo centenares de referencias bibliográficas e fotografías? Onde se atopa esta documentación? Que foi do conxunto de setenta e dous paneis das exposicións de Ferrol da Ilustración? Que se pode dicir dunha urbe incapaz de crear un Museo da Cidade? Que está a facer a Concellería de Patrimonio Histórico?

Cumpre lembrar que a petición de Patrimonio Mundial atinxe a uns cincuenta bens patrimoniais, de diferente entidade, moitos deles pertencentes a organismos e administracións diferentes da municipal, mesmo propiedade doutros Concellos, caso do Castelo da Palma. Dito con claridade, estes Bens Culturais primeiro teñen que ser Patrimonio da Cidade para que logo poidan ser Patrimonio da Humanidade. 

É imprescindible a creación do axeitado órgano de xestión, baixo a dirección e control da Alcaldía, coa necesaria profesionalidade e capacitación dos seus membros para reconducir seriamente o tema. Habería que buscar o lugar indicado onde levar a cabo este imprescindible traballo de xestión e poder informar do avance dos traballos. Por último, pero non menos importante, hai que interesar a uns cidadáns ata de agora escépticos e ausentes deste tema. 

Como resumo, o pasado foi o Inferno da Cidade Ensimesmada, o presente está a ser o seu Purgatorio; vexamos se no próximo futuro Ferrol deixa o Limbo dos Xustos e alcanza o Ceo do Patrimonio da Eternidade.

Ferrol, Patrimonio da Humanidade. Pasado estéril e futuro escuro

Te puede interesar