Ferrol e Narón? Para cando unha andaina común?

Unha orde do 21 de Xaneiro de 1940 do Ministerio da Gobernación aprobou a “unión” do antigo Concello de Serantes co de Ferrol, quedando o último como único nome do novo concello. Na orde falábase de expediente de “agregación”, as actas do Concello de Ferrol escribían “anexión” de Serantes e as do Concello de Serantes dicían“fusión”, sendo realmente unha “absorción”. Cinco nomes diferentes para unha realidade única.

Vanse a cumprir oitenta anos da creación do novo concello de Ferrol, que orixinou unha ampla expansión do mesmo, naquel intre constrinxido á propia cidade e á vila de A Graña. Porén semella que non se aproveitou debidamente as vantaxes desta expansión e non se tivo a merecente atención á zona rural.

Semellan necesarias as unións municipais nunha Galicia de 313 concellos, aínda que ata de agora non son un exemplo as poucas unións que se están a levar a cabo: Cerdedo-Cotabade e Oza dos Ríos-Cesuras. A pesares diso, deberíase dar un pulo á unión dos concellos de Ferrol e Narón, que tanto poderían gañar coa mesma.

Sen negar os posibles atrancos (persoal, servizos comúns, comunicacións), semellan maiores as vantaxes dun novo concello duns 110.000 veciños e case 150 km2, un amplo espazo urbano desde Freixeiro a Ferrol Vello, o terceiro núcleo urbano de Galicia, despois de Vigo e A Coruña. Quizais una cuestión discutible sería a situación da Casa do novo Concello. 

Facendo un análise factorial da situación, semellan máis as fortalezas que as debilidades dun novo concello, que disporía de maiores axudas e vantaxes económicas da Administración por mor do aumento de poboación, ademais do aforro de gastos correntes. O feito da diminución de concelleiros con referencia ao número actual sería un factor a considerar polos políticos. 

Á contribución de Ferrol, cabeceira da comarca, coas súas infraestruturas, o novo Porto Exterior, o estaleiro de Navantia, o campus da Universidade, a presenza da Armada e das sedes das administracións públicas, habería que sumalo emerxente despegue de Narón, achegando o terceiro polígono industrial de Galicia, Río do Pozo, modernas áreas comerciais e empresariais e un consolidado espazo urbano e residencial arredor da Estrada de Castela. 

Aínda que existe certo rexeitamento á unión, seica maior en Narón que en Ferrol, semella necesario que ambos concellos dean un pulo a medidas modernas de cooperación como as que están a levar a cabo outros núcleos urbanos na aplicación do moderno concepto de cidades intelixentes ou na coordinación das axudas conxuntas do Plan Urban.

Estamos a falar de arranxar aos veciños os problemas da empresa de augas, de medidas de mellora enerxética, promoción de aparcamentos estratéxicos e disuasorios, optimización do transporte público, implantación de servizos comúns centralizados, coordinación das actividades culturais e de ocio.

Por outra banda, arestora que semellan abrirse certas expectativas no eido industrial e naval, Ferrol e Narón deben avanzar no camiño de aumentar o seu peso político atinxindo melloras nas infraestruturas. Cumpre finalizar co continuado illamento por ferrocarril, facer o parque empresarial de San Pedro de Leixa, rematar os accesos ao Porto Exterior, crear unha sección da Audiencia Provincial, unha comisaría da Policía autonómica e uns servizos axeitados do Rexistro Mercantil. 
Asemade, no eido cultural, hai que rematar coa incapacidade de Ferrol para crear un Museo da Cidade e un Albergue de peregrinos que poña en valor o Camiño Inglés, que parte de Ferrol, e o Camiño Vello de Teixido, coas ramas que comezan en Ferrol e Narón. Mesmo agora que Ferrol está a ter maior peso nunha diocese onde Mondoñedo vai a menos, o mosteiro de San Martiño de Xuvia semella o lugar axeitado para instalar un Museo e Arquivo Diocesano. 

Ferrol e Narón? Para cando unha andaina común?

Te puede interesar