Ferrol e a música celestial

Semella que hai en Ferrol unha certa tradición musical, tanto da música popular como culta, que ven de tempo atrás, manifestándose na existencia de teatros, casinos e liceos; a presenza de bandas de música, coros e rondallas; ou a celebración de procesións, festas e romarías.
O ano 1769 o empresario italiano Nicolás Settaro levantou o teatro do seu nome para a representación de óperas. Desaparecido o ano 1807, novos locais alternaron o teatro con espectáculos musicais, caso do Romea, o Teatro-Circo e o New England, construcións de feitura modesta e de breve vida. Máis categoría tiveron o Teatro Jofre, inaugurado o ano 1892, e o Teatro Renacimiento, construído o ano 1919, que arrastra hoxe o seu vergoñento desleixo camiño do seu centenario.
Houbo de sempre en Ferrol unha manifesta afección cara á música e ao canto, patente nas abondosas romarías e festas campestres dos arredores da urbe, ás que concorrían numerosos grupos familiares, que, despois do xantar, entoaban as cancións populares, caso das festas de San Xoán, San Pedro, Chamorrro, San Antonio da Cabana, Chanteiro e lugares próximos.
Característica de Ferrol é a presenza das agrupacións musicais coñecidas como rondallas, que desde finais do século XIX cantan as súas serenatas na véspera de San Xosé, a Noite das Pepitas, festa celebrada de xeito intenso. O costume procede dos cantores e instrumentistas, a maioría traballadores da construción naval, que esa noite roldaban á muller ferrolá.
Poetas e letristas como Fernández Torres ou Wenceslao Veiga, músicos como Gregorio Baudot ou Mauricio Farto e cantores como os irmáns Eduardo, Antonio e Victoriano París cimentaron unha tradición que hoxe continúa debullando valses, mazurcas e habaneras, revitalizada desde finais dos anos 1980 coa participación de agrupacións como Bohemios, Lucero del Alba ou Añoranzas. 
Sempre gustaron en Ferrol os concertos das bandas militares, coincidindo en pasadas épocas ata tres delas na cidade, pertencentes ao Exército e á Armada. De xeito máis modesto, nas procesións da Semana Santa, as voluntariosas bandas que acompañan ás confrarías manteñen esta afección. Noutro orde de cousas, a Banda Municipal de Ferrol, de cando en vez, pon en valor o Palco da Música do Cantón de Molíns. 
No terreo das asociacións musicais cumpre salientar o continuado traballo da Sociedad Filarmónica Ferrolana, que leva funcionando case setenta anos trala súa creación por varios afeccionados, entre eles Cándido Vigo (o seu primeiro presidente o ano 1949), José Naya e López Ramón. A pesares de non atopar o debido apoio do Concello, e estar sempre ligada á insubstancial programación do Teatro Jofre, continúa o seu meritorio labor a prol da música culta.
Lembrando a personaxes como Ramón Arana “Pizzicato”, Sofía Casanova, Pepito Arriola, Juan Malde, Justo Barcón, o Pai Fanego, Pérez de Arévalo e Luis Mera, non se pode rematar esta panorámica da música en Ferrol sen citala Sociedad Artística Ferrolana e os seus premios musicais, o Real Coro Toxos e Froles, que ven de celebrar de xeito discreto o seu centenario, e a desaparecida agrupación Airiños da Miña Terra. 
E no medio do diletantismo gurmendiano que nos invade, cumpre felicitar ao Club de Prensa, na volta á cidade coas súas publicacións, ao editar como número 30 dos Cadernos de FerrolAnálisis o meritorio traballo “Ferrol en Noche de Ronda”, obra de Juan J. Rodríguez de los Ríos, autor que xa tratou este tema en varias ocasións. Na obra faise un completo percorrido pola historia das rondallas ferrolás, incluíndo variadas letras das cancións e un interesante repertorio gráfico, 
Falemos agora de música celestial. Así sona o novo asalto ao Patrimonio da Eternidade que pretende o actual Concello de Ferrol. Nun intre no que os problemas da cidade se multiplican e a incapacidade da corporación para resolvelos é manifesta, non semella o mellor momento para afrontar este tema.
Tralo desastre das anteriores corporación municipais na xestión deste proxecto, hoxe contemplamos como se volve a incidir nos mesmos ou peores erros, externalizando este traballo a estraños e descoñecedores compañeiros de viaxe, sexan composteláns ou cataláns, esquecendo deste xeito ás entidades, asociacións culturais e historiadores da cidade.
 

Ferrol e a música celestial

Te puede interesar