Ferrol fóra de Ferrol. ¿Ulo o legado dos nosos ancestros?

 

errol foi o lugar de nacemento de coñecidos escritores e escritoras, tanto en lingua galega como castelá. Non obstante, por diferentes razóns, moitas veces o seu legado cultural (biblioteca persoal, manuscritos, correspondencia) atópase fóra da nosa cidade. O mesmo pódese dicir dos legados dos estudosos ferroláns do mundo da medicina, da historia natural ou da música. En moitos casos trátase de decisións que amosan falta de confianza dos seus familiares, quizais por considerar máis axeitadas para a súa garda e custodia certas entidades ou lugares alleos a nosa cidade.

Recentes son os casos dos notables escritores ferroláns Carballo Calero e Torrente Ballester, falecidos na derradeira década do século XX, cuxos fondos documentais e bibliográficos se atopan fora da súa cidade natal. O variado legado de Carballo Calero levouse o ano 1997 ao Parlamento de Galicia en Santiago, mentres que pasara o mesmo caso con Torrente Ballester cunha similar documentación que se atopa desde o ano 2003 na sede da Fundación do seu nome, moitas veces pechada, nunha rúa do casco histórico de Santiago.

Fai pouco tempo que coñecemos que o arquivo persoal e a biblioteca do escritor ferrolán en galego e castelán, Dictinio de Castillo-Elejabeytia, correspondente da Real Academia Galega, falecido o ano 1987, foi cedido pola súa familia á Comunidade Autónoma de Murcia. Do mesmo xeito o legado documental, integrado por máis de 4.000 volumes, do médico e intelectual mugardés Sixto Seco, persoa moi ligada a Ferrol, falecido o ano 2004, seguiu un similar camiño, desta rolda atopándose nalgún lugar da Cidade da Cultura do Monte Gaiás de Santiago.

A rentes do anterior, cumpre citar o caso do prestixioso naturalista ferrolán Víctor López Seoane, médico que traballou no Hospital de Mariña de Ferrol. Desenvolveu un importante labor no eido da historia natural, e a súa morte, no ano 1900, os seus importantes fondos e coleccións foron doados ao Concello de A Coruña, sendo repartidos entre o Museo coruñés das Ciencias e outros museos.

O mesmo pódese informar do legado doutra ferrolá, Ángeles Alvariño, precursora da investigación oceanográfica, falecida en California o ano 2005 e do músico afincado en Ferrol, Gregorio Baudot, cuxo legado se atopa actualmente no Museo de Pontevedra. Tamén o arquivo do coñecido aviador Iglesias Brage se garda no Arquivo do Reino de Galicia.

Temos o caso do prestixioso intelectual ferrolán José Fontenla Leal, creador do Himno Galego e impulsor da cultura galega en Cuba. A súa ampla biblioteca persoal, incluíndo cartas e poemas inéditos, considerada a máis importante des carácter galego na Habana, á súa morte, o ano 1919, foi doada polo seu fillo á Real Academia Galega na Coruña.

Cumpre coñecer o que pasou coa memoria escrita da emigración alén do mar da xente de Ferrol que viaxou á illa de Cuba e a Arxentina: Calixto Loira, Martínez Quelle, Juan Lembeye, Francisco Barcón, os irmáns Novo García, Vázquez Vigo, Juan Carlos Alonso, Antonio Soto, entre outros, algúns deles repousando para sempre en ultramar. Alguén tiña que recuperar a memoria histórica destas xentes de ida e volta.

Poderíamos seguir falando dos artistas e dos pintores coa súa obra fóra de Ferrol, comezando por dous nomes ferroláns de sona nacional: Jenaro Pérez Villamil e Fernando Álvarez de Sotomayor, ámbolos-dous cunha obra pictórica practicamente testemuñal na súa cidade natal.

Cumpre rematar esta lista con outros moitos exemplos de legados de sobranceiros escritores e intelectuais ferroláns que hoxe se atopan fóra de Ferrol, nalgúns casos practicamente perdidos e noutros casos espallados por diversos lugares, casos de Benito Vicetto, Díaz de Robles, Ferrer de Couto, Saralegui Medina, Alberto Camino ou o poeta Pérez Parallé

Ferrol fóra de Ferrol. ¿Ulo o legado dos nosos ancestros?

Te puede interesar