Ferrol. Festas, festiñas e feiras medievais

As festas forman parte do acervo cultural dos pobos, sendo un indicador da evolución dos seus usos e costumes. No agro as festas seguen o calendario estacional, adaptándose aos traballos do campo e ás colleitas. Pola súa parte, a Igrexa, co seu habitual sincretismo, adaptou as festividades dos seus santos e santiños ás festas pagás e ás crenzas populares.
Mentres tanto, as cidades e vilas, cunhas tradicións de menor raizame que as aldeas, escollen o verán para celebrar as súas festas, non sempre coincidindo coa data do patrón. Como noutros lugares, o ciclo festivo de Ferrol amosa ao longo do ano unha serie de fastos que mesturan celebracións relixiosas con festas populares, unhas inventadas e outras de tradición e pegada propia.
As festas patronais de Ferrol substituíronse desde o ano 1896 polas festas laicas do Marqués de Amboage, esquecido benfeitor da cidade, tendo lugar nas máis axeitadas datas do verán. Tempo atrás estes festexos tiñan gran sona, asistindo moitos visitantes aos renomeados fogos de San Ramón.
Co paso do tempo perderon a súa identidade, celebrándose no mes de Agosto as chamadas Festas de Verán, unha serie de espectáculos que normalmente non interesan aos veciños e ás penas conectan coa xente moza.
Aducindo razóns de seguridade, a sinal de identidade das festas, os fogos de Amboage, leváronse cada vez máis lonxe do seu lugar inicial na praza do Marqués, primeiro ao peirao de Curuxeiras e logo á enseada da Malata, cecais rematando un ano destes no castelo de San Felipe, para que ese senlleiro monumento sirva para algo máis que para acampadas.
Non estaría de máis que algunha desas paveras asociacións de veciños que proliferan como setas na Cidade Ensimesmada, na vez de saír na foto, demandasen un pouco máis de coherencia nestas festiñas.
Durante a Idade Media os reis e os señores feudais impulsaron en Galicia as Feiras e Mercados, diferenciadas pola súa periodicidade e a súa duración. Por mor diso celébranse en diferentes localidades galegas, veñan ou non a conto, ducias de feiras medievais, moitas veces simples “mercadillos” de xente disfrazada para a ocasión. Ferrol apuntouse a esa moda, celebrando no verán, como tamén fixo este ano, unha Feira Medieval no barrio de Ferrol Vello, o lugar mais estragado da urbe.
As cidades deben poñer en valor as sinais de identidade que as distinguen doutras urbes. A Ilustración, que marcou material e culturalmente á cidade, é esa sinal que Ferrol debe dar a coñecer e potenciar. Porén, o Concello, segue coa teima de celebrar unha murcha Feira Medieval, non sendo quen de levar a cabo de xeito sostido unha Feira dedicada á Ilustración dentro das Festas do Verán, lembrando a Real Cédula do ano 1767 pola que o rei Carlos III concedía unha feira mensual ao novo Ferrol.
Por outra banda, poderíase levar a cabo na fachada marítima de Ferrol Vello, neste intre a zona máis coidada e visitada do antigo barrio, unha axeitada Feira Náutica, coa presenza das catro mariñas: Guerra, Mercante, Pesqueira e Deportiva. Deste xeito poñeríase en valor a atafegada dársena de Curuxeiras e os xardíns da fonte da Raniña, ademais da Sala de Exposicións e as zonas do peirao que, pouco a pouco, a Autoridade Portuaria vai abrindo aos veciños, despois de tantos anos de pechadura.
Impresións dun F.T.V. Inaugurouse a Oficina do Peregrino en Ferrol Vello. Parabéns a Rosa Méndez, Concelleira de Patrimonio, cumprindo co seu traballo que salienta sobre o resto dos diletantes ocupantes do Concello.
Agora é o momento para que a Autoridade Portuaria espabile e faga o seu labor. Xa está ben de esperar en Ferrol por ese demandado e imposible Albergue de Peregrinos na Casa do Mar. Cumpre máis dilixencia na atención aos peregrinos visitantes, riqueza cultural do Camiño Xacobeo.

Ferrol. Festas, festiñas e feiras medievais

Te puede interesar