Ferrol. Festas, fastos e nefastos de verán

ntramos nas festas e fastos do verán. Xa ben entrado o mes de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, chegamos ao día 24, festividade de San Xoán, o santo de maior culto en Europa.e unha das festas de máis sona do ano. Son abondosas as tradicións desta data arredor do culto ao sol, dos baños nas ondas da mar e do uso das augas coas herbas sanxoaniñas (fiúncho, loureiro, sabugueiro), sendo moi típicos da comarca de Ferrol os fastos das sardiñadas culturais. 
A tradición máis coñecida de San Xoán son as luminarias ou cacharelas, acesas na noite da véspera. Ergueitas con fins purificadores nas prazas e encrucilladas, persisten vedraños costumes como recoller leña corenta días antes, saltalas un número impar de veces ou bailar as mozas e mozos arredor do fogo. Ultimamente as emerxentes tribos urbanas incorporáronse a esta tradición celebrando os seus botellóns, degradadas festas do viño, ao tempo que prenden lume ás fogueiras que enchen de lixo as praias galegas.
Xa non teñen lugar en Ferrol as grandes luminarias de antonte, como a de Canido, baixando cara a fonte de Insúa, ou a da estrada de Castela, no cruce de San Xoán de Filgueira. Algúns barrios ferroláns seguen a prender lume ás fogueiras na véspera de San Xoán, salientando a monumental luminaria, onte acesa fronte ao Cuartel de Dolores e hoxe na praza de Ferrándiz, sempre coa concorrencia dos veciños do barrio de Esteiro.
Chegado o 16 de xullo as vilas costeiras renden culto á Virxe do Carmo, patroa da xente do mar, celebrando nesa data vistosas romarías marítimas, portando a Virxe, por rolda ou por sorteo, as embarcacións pesqueiras. Desaparecidas ao final do pasado século XX as procesións do Carmo en Ferrol Vello e San Felipe, seguen a celebrarse na maioría dos portos galegos, mentres en Ferrol ten lugar unha discreta celebración pola Armada.
No mesmo mes de xullo ou de Santiago, cumpre lembrar a vergoñenta desatención da Xunta, Deputación e Concello cara ao Camiño Inglés. 
Desde época medieval, Ferrol e a súa ría, incluíndo os portos de Neda e Mugardos, foron o intermitente lugar de chegada dos peregrinos do Norte de Europa, que preferían a ruta marítima, máis rápida e segura que o camiño terrestre, a pesares dos naufraxios e dos ataques dos piratas. Xa que logo, é hora de que a noviña Universidade de Ferrol e a máis moza Academia de San Rosendo deixen de ollar aos camiños do sol e das estrelas, e dirixan a súa atención ao Camiño Inglés, como parte do patrimonio cultural de Ferrol, demandando máis coidado dos albergues e vieiros.
Pasamos ao mes de agosto. No que atinxe ás festas patronais de Ferrol, foron substituídas o ano 1896 polas festas laicas do Marqués de Amboage, esquecido benfeitor da cidade, nas máis axeitadas datas do verán. Tempo atrás estes festexos tiveron gran sona, chegando a Ferrol moitos visitantes aos fogos de San Ramón, un dos de maior renome en Galicia. Co paso do tempo, esta festa perdeu a súa identidade, celebrándose no mes de agosto as chamadas Festas de Verán, unha serie de actos dispersos, con espectáculos anódinos e sen interese, que ás penas conectan cos veciños.  
Os últimos anos semellan cada vez máis choscas estas festiñas do verán. Entre outras trapalladas, aducindo presuntas razóns de seguridade, a sinal de identidade destas festas, os fogos de Amboage, leváronse cada vez máis lonxe do seu lugar inicial na praza do Marqués, primeiro ao peirao de Curuxeiras e logo á enseada da Malata, quizais rematando un ano destes no castelo de San Felipe, para que este senlleiro monumento sirva para algo máis que para celebrar acampadas. 
Falemos agora de nefastos. Ese foi o vergoñento trato da Real Academia Galega cara a Ferrol, dedicando o próximo día das Letras Galegas á profesora cacereña María Victoria Moreno. Deste xeito se leva a cabo unha nova ofensa ao ferrolán Ricardo Carballo Calero, seguindo o actual presidente Víctor Freixanes a liña sectaria imposta polo anterior Jesús Alonso Montero.  
jjburgoa@hotmail.com

Ferrol. Festas, fastos e nefastos de verán

Te puede interesar