domingo 05.04.2020

Ferrol, a falla de respecto pola toponimia urbana

Nos nomes das rúas, prazas e lugares característicos das nosas cidades e pobos quedou gravada a memoria histórica e a pegada de nosos ancestros. Sobre este importante tema ven de pronunciarse a Real Academia da Lingua Galega. Nunhas Xornadas celebradas o pasado mes de outubro en Pontevedra afondouse sobre o uso da toponimia tradicional nas rúas e rueiros, recuperando o antigo costume de poñer estes nomes a estas vías.

A propia Lei do Patrimonio Cultural de Galicia define a toponimia tradicional como parte do patrimonio inmaterial galego, tendo a Administración local o deber de protexela. Débese conservar e estudar estes topónimos para coñecer quen somos e de onde vimos. A toponimia non soamente ten un importante papel para a investigación histórica, se non que é unha ferramenta que permite ás persoas facer propio o mundo próximo, conservando na memoria as referencias da contorna.   

Nese tema do respecto e conservación da toponimia tradicional das rúas e lugares, a cidade de Ferrol é un mal exemplo. Non só os dirixentes da época franquista, se non tamén os responsables dos partidos políticos do seguinte período democrático (esquerda, dereita e nacionalistas), fixeron unha apropiación indebida dos nomes dos espazos públicos, cun ostensible manexo político dos cambios levados a cabo.

Tódalas variantes desta retorta utilización da toponimia pódense ver en Ferrol. Algunhas rúas e prazas de Ferrol conservan o seu antigo nome: rúa da Terra (a última asfaltada), calexas das Hortas e do Cuco, praza do Carbón. Outras perderon o seu nome: rúa dos Mortos (por onde subían os enterros ao cemiterio), rúa do Olvido (por mor da cárcere municipal), rúa do Hospital, rúa Traviesa de Canido, Cantón das Delicias (hoxe Cantón de Molíns).

Temos axeitados casos de recuperación de nomes tradicionais: Carretera de Castilla, rúa Real, rúa San Francisco. Noutro caso Canalejas transformouse en Magdalena, mentres algunhas rúas conservan as placas cos seus dous nomes: Eduardo Ballester e Euskadi. Algún intrépido periodista debería facer un estudo completo da toponimia desta cidade.

Temos tamén o caso de edificios como o Ateneo Ferrolán, no seu día nomeado Centro Cultural Concepción Arenal na vez de Carvajal de Castro, nome do seu doador; o Centro Cultural Municipal, nomeado Torrente Ballester na vez do seu construtor, Sánchez de Aguilera; o a Antiga Cárcere, logo Casa do Concello, que hoxe leva o pouco axeitado nome da sede dunha fundación bancaria.

En Ferrol, o barrio alto de Canido é un caso especial de conservación da súa toponimia orixinal. Deixando aparte o seu propio nome, procedente de Casal de Anido ou cecais de “lugar de canas silvestres”, as súas rúas e prazas conservan vellos e suxestivos topónimos que lembran a súa historia.

A riqueza toponímica de Canido é evidente. Ben trátese de prazas:  Praza da Tafona, Porta de Canido ou Praza do Cruceiro; ben sexan rúas: Cangrexeiras, Muíño de Vento, Navegantes, A Marola, Camiño da Fonte, Alegre (cecais os que volvían do cemiterio?), Estrela (quizais unha presenza xudea?), Miramar, Maiola (“castaña pilonga”), Atocha ou Costa da Raposeiro; mesmo nomeando os lugares singulares do barrio: Fonte de Insua, Corral de Chapón, Casa do Pobre, Casa do Xílgaro, Brisas de Canido ou Vila Campa.

Aínda máis. A Praza de Armas, hoxe sometida a unha discutible reforma, inaugurouse o ano 1807 con ese nome, que contou sempre co apoio popular a pesares de ser máis tarde chamada praza do Carmen, de Churruca e do marqués de Alborán. Hoxe unha mente pensante da Corporación Municipal quere chamala praza Concepción Arenal, cando o que debe facelo Concello é colocar unha placa de recordo na casa da rúa Real onde naceu a ilustre ferrolá.

Na lembranza de Álvaro Porto

Ferrol, a falla de respecto pola toponimia urbana
Comentarios