Ferrol, cidade naval. O estrago da fachada marítima

Parece, mar, que luchas por encontrarme 
o porque yo te encuentre.
(Juan Ramón Jiménez)

As cidades capaces de desenvolver de xeito puxante a súa fronte portuaria e a súa proxección marítima tiveron de sempre unha vida propia e un especial atractivo. Mentres temos exemplos de urbes costeiras con suxestivas fachadas marítimas, abertas ao uso cidadán cunha harmoniosa conexión entre a cidade e o mar, vemos outras onde se levou a cabo unha pouco axeitada recuperación dos espazos abertos ao mar. 
Ferrol, cidade naval, co paso do tempo non logrou ser unha cidade marítima, quedando nunha urbe simplemente costeira. Os crecentes usos militares, industriais e portuarios da zona ribeirega orixinaron o illamento físico do casco urbano, quedando hoxe solo como simbólica fachada marítima o estreito sector do peirao de Curuxeiras. Percorrendo a ribeira entre Caranza e A Malata, atopamos de xeito sucesivo o murallón que pecha as instalacións da Armada e da empresa Navantia, e as amplas reixas do porto comercial, barreiras artificiais que impiden o disfrute da fachada marítima. 
Desde que no século XVIII desapareceron os peiraos da Cruz, San Fernando e Fontelonga, entrado o século XIX acometeuse un amplo proxecto de remodelación do peirao de Curuxeiras. A partires de entón o porto ferrolá foi sometido a unha serie de obras para desenvolver a súa crecente actividade, perdendo o contacto coa mar que tiñan os veciños. A entrada en función do porto exterior deixará un amplo espazo libre na zona portuaria, que se deberá destinar a usos cidadáns, sen levantar macroedificios que establezan unha barreira material e visual na fachada marítima.
Os Alcaldes e a Autoridades Portuarias deberían coñecer que cando as frontes marítimas están en contacto con zonas de certa fraxilidade, como os centros históricos, hai que ter suma prudencia nas accións de renovación, tratando de manter esa especial atmosfera das zonas portuarias. Si ben a coincidencia nun mesmo espazo dunha fronte costeira e un casco histórico semella unha boa ocasión para a posta en valor do patrimonio cultural, tamén pode xerar ideas absurdas como a creación de zonas comerciais e de restauración, palacios de congresos ou presuntos museos, espazos que xeran un escaso dinamismo urbano e rachan a correcta relación do home co seu contorno.
Por outra banda, o notable atractivo das rías galegas cara aos afeccionados á náutica deportiva pola súa beleza e as boas condicións de navegación, traen como resultado a creación ao longo da costa galega de portos deportivos dotados de servizos de amarre, sociedades náuticas e escolas de vela. Nosa cidade debe apostar de xeito decidida polo turismo náutico, creando unhas boas instalacións neste senso. Débese crear un completo porto deportivo civil; desa maneira Ferrol irá deixando de ser unha urbe simplemente costeira para converterse nunha cidade verdadeiramente aberta ao mar.
Dentro desa solución global para a fachada marítima da que tanto se está a falar, ese previsto Centro de Ocio, Centro Comercial ou como lle queiran chamar, constitúe unha nefasta ocorrencia, posto que en vez de abrir Ferrol ao mar estamos ante un novo peche desa fachada. Fágase un axeitado uso de edificios xa existentes como o da antiga Comandancia Naval, a Casa do Mar, a anterior Aduana ou a Sala de Exposicións de Curuxeiras, que debería ser ese necesario lugar de recepción dos turistas chegados a Ferrol por vía marítima, incluíndo a venta de recordos e o reparto de información turística. 
A que logo é hora de que se traballe seriamente sobre unha solución global que inclúa unha seria actuación sobre a muralla do Arsenal, as reixas de Navantia e o Porto, e que se abra dunha vez ao uso público a histórica Porta de Fontelonga.

Ferrol, cidade naval. O estrago da fachada marítima

Te puede interesar