A FEIRA DO LIBRO DE FERROL E AS SÚAS MISERIAS

A Feira do Libro quedou instituída en España cando se celebrou por primeira vez o ano 1950 en Madrid. No actual 2015 levarase a cabo a Feira do Libro en 12 localidades galegas incluída nosa urbe, mentres que a Feira do Libro Usado e de Ocasión, tan interesante ou máis que a primeira, soamente se celebra en seis capitais galegas, entre as que non se atopa Ferrol.
Non sendo Ferrol una localidade que neste intre se distinga pola publicación de libros de interese e pola presenza de auténticas revistas de historia local, a Feira do Libro enche un baleiro neste aspecto promovendo a lectura, fomentando a difusión da obra escrita e dando un pulo ao desenvolvemento cultural, nuns tempos no que os roteiros que segue a información semellan ir por outros camiños.
Unha das publicacións que estarán na Feira do Libro é a titulada “La ciudad y la mirada del artista. Visiones del Atlántico”, obra dirixida polo ferrolán Alfredo Vigo Trasancos. Trátase dunha visión a través do tempo das vellas cidades do chamado Arco Atlántico, desde o Norte de Francia ata o Noroeste de Portugal, amosando diversas representacións nun marco temporal que se estende desde a Idade Media ata a chegada da fotografía.
No que a Ferrol atinxe, Alfredo Vigo é o autor do capítulo “Ferrol en el punto de mira (1587-1800)”, onde aparece unha notable serie de vistas panorámicas do Arsenal de Ferrol, levadas a cabo entre os anos 1782 e 1800 por coñecidos ilustradores, Pedro Grolliez, Mariano Sánchez e Francisco X. Rovira, obras todas elas gardadas en diferentes palacios e museos de Madrid. Bótase en falta algunha obra do ferrolán Pérez Villamil que visitou Ferrol e outros lugares de Galicia entre os anos 1849 e 1851.
Unha obra relacionada coa nosa cidade que se pode ver nesta Feira é a novela de Francisco Moreno, escritor ferrolán residente en Valencia.  Cun interesante argumento, “Operación Dulcinea” relata as alegrías a as penas que sofre en Ferrol un terrorista nos anos convulsos da transición democrática, cando intenta atentar contra un mando da Armada, rematando a novela cun final imprevisto.   
Outra obra de interese é a do coñecido escritor de Ferrolterra, Ramón Loureiro, “La asombrosa conquista de la Isla Ballena”, que ven de ser a cuarta entrega da súa particular saga configurada arredor da Terra de Escandoi. O autor narra co seu peculiar perfección formal uns feitos configurados entre o sono e a realidade, dentro do seu singular mundo de ficción.
A biografía do Almirante Augusto Miranda y Godoy, obra de Jaime Antón e Alejandro Anca, é a historia dun senlleiro personaxe que, nacido Archidona (Málaga) tivo moita relación con Ferrol, cidade onde deixou raíces familiares. Ministro de Mariña na segunda década do século XX, o seu grande aporte foi a Lei Miranda que modernizou e reorganizou a Armada.  
Dúas obras que tamén estarán presentes nesta Feira del Libro son “Ferrol, desde Ferrol”, editada pola editorial Espino Albar, e “Ferrol y su comarca. El Patrimonio Industrial”, publicada polo Foro de Amigos de Ferrol. A primeira delas consiste nun completo percorrido polo Patrimonio Histórico, Cultural e Natural do Concello ferrolán, mentres que a segunda describe de xeito minucioso o Patrimonio Industrial de Ferrol e a súa comarca, desde a época da Ilustración ata os nosos días.
No que se refire a libros de entidades oficiais semella que os ferroláns verdadeiramente interesados en temas da nosa cidade, como sempre, non poderán acceder a libros de certo interese, como é o caso dos editados pola Deputación da Coruña, entidade que ultimamente se distingue pola pouco axeitada distribución das súas publicacións, que non chegan aos interesados.
Entre outros, temos o derradeiro caso do libro titulado “O modernismo de Rodolfo Ucha”, obra dun escritor exiliado de Ferrol, que, a pesares das boas intencións do Alcalde da cidade, leva moitos meses sen que sexa presentado publicamente na nosa urbe por mor de escuras razóns que algún día sacaremos á luz.
jjburgoa@hotmail.com

A FEIRA DO LIBRO DE FERROL E AS SÚAS MISERIAS

Te puede interesar