Día das Letras Galegas. A merecente reparación de Carballo Calero

Desde o ano 1963, cando se cumpriu o centenario da publicación de “Cantares Gallegos”, o 17 de Maio celébrase o Día das Letras Galegas, o primeiro deles precisamente dedicado a Rosalía de Castro. Nas 56 edicións anteriores desta celebración tan só catro mulleres conseguiron este galardón, mentres que ata de agora non foi  nomeado ningún escritor da Terra e Mar de Ferrol. 
Durante moitos anos houbo que lamentar o vergonzoso esquecemento de Ricardo Carballo Calero, a pesares dos seus recoñecidos merecementos e da entidade dos seus abondosos traballos. Nacido en Ferrol o ano 1910, desde o ano 1982 lusificou o seu apelido como Carvalho, sendo membro da Real Academia Galega desde o ano 1958 e profesor da Universidade de Santiago, da que foi o seu primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega o ano 1965. A súa ampla obra literaria inclúe ensaio, crítica literaria, poesía, teatro e novela, colaborando en numerosas publicacións, revistas e medios de comunicación.

Unha serie de coñecidas obras como “A gente da Barreira”, “Scorpio”, “A sombra de Orfeu”, “Anjo de terra” ou “Os señores da Pena” son mostras do seu labor no eido da creación literaria, da narrativa e do teatro galego. A súa abondosa obra poética está recompilada en catro volumes: “Pretérito imperfeito”, “Futuro condicional” “Cantigas de amigo e outros poemas” e  “Reticencias”.

Os seus importantes traballos no campo da filoloxía, na súa dobre vertente de crítica literaria e de estudo da lingüística, están compilados en varios volumes. A súa monumental ¨Historia da Literatura Galega Contemporánea”, de abondoso aparato documental, está recoñecida como unha obra fundamental para o coñecemento da literatura galega. 

Falecido o ano 1990 en Santiago, nos anos finais da súa vida espertaron unha grande polémica as súas teorías e traballos sobre a reintegración do idioma galego ao ámbito lingüístico galego-portugués do que procede, en colisión coa estrita normativa oficial da lingua galega, mantendo o escritor ferrolán unha postura se cadra discutible, pero lexítima. Non obstante, Ricardo Carballo (Carvalho), home integrador e xeneroso, mesmo durante os seus anos anos de illamento, estivo sempre por riba dos polemistas dun e doutro signo.

Desde o pasado 24 de xaneiro unha sinxela exposición no Centro Cultural, que xa fora presentada en Ferrol o ano 1910 por mor do centenario de seu nacemento, lembra a vida e obra do polígrafo ferrolán. Un conxunto de paneis mostran súa biografía, seus primeiros anos en Ferrol, seus estudos na Universidade de Santiago, súa actuación durante a República e súa vida e traballo en Ferrol, Lugo e Santiago, mentres nunha vitrina pódense contemplar varias das súas obras.

Cumpre lembrar que, como desafortunadamente pasou con outros ferroláns ilustres, o legado de Carballo Calero atópase fóra de Ferrol. O ano 1997 foron depositados no Parlamento de Galicia o conxunto dos seus fondos documentais e bibliográficos. O legado, catalogado en xullo de 2012, consta da súa biblioteca persoal con máis de 5000 títulos, a maioría de literatura, lingua e historia galega, e o seu arquivo persoal, con máis de 3500 documentos variados, incluíndo cartas e manuscritos de súa obra.

Unha vez que a Real Academia Galega presidida por Victor Freixanes propuxo a Ricardo Carballo Calero para o Premio das Letras Galegas do próximo 17 de maio do 2020, ademais de reivindicar para Ferrol o seu legado persoal e na vez de apremar a compra dos ruinosos restos da súa casa natal de Ferrol Vello, habería que levantar un monumento de categoría de Carballo Calero, como o busto que ten en Santiago e noutros lugares, e colocalo na súa memoria no pequeno xardín da rúa San Francisco, preto da que fora a súa vivenda.

Día das Letras Galegas. A merecente reparación de Carballo Calero

Te puede interesar