Cultura, patrimonio e turismo un verdadeiro caos

urismo, Cultura e Patrimonio, tres importantes áreas municipais, relacionadas de seu e que atinxen de xeito importante á promoción económica e cultural de Ferrol, atópanse neste intre nas mans de tres diferentes concelleiros/as. Ou sexa, tres persoeiros distintos e un só caos verdadeiro. 
No século XXI a metade da poboación mundial vive nas áreas urbanas, polo que as cidades emerxentes promoven o seu desenvolvemento integral fomentando os recursos de Turismo, Cultura e Ocio, e poñendo en valor o seu Patrimonio Cultural. Co crecemento do tempo libre e da esperanza de vida, coa globalización da cultura e o progreso das comunicacións, crece o turismo cultural, constituíndo unha oportunidade para humanizar os centros históricos e dar unha cumprida atención ás zonas rurais.  
Nosa cidade debe afondar nas súas sinais de identidade, conxugando de xeito intelixente tradición e modernidade. Ferrol, antiga vila medieval, recreada pola Coroa o século XVIII, ten como identidade propia a Ilustración, que deixou un importante Patrimonio no Urbanismo, na Construción Naval e na Arte. Non embargantes, Ferrol foi incapaz de atinxir o galardón de Patrimonio da Humanidade, baseado nunha exemplar ordenación do territorio, que integra o arsenal militar, as fortificacións defensivas e a cidade racional. 
Os sucesivos Concellos non foron quen de conducir eficazmente este proceso: non souberon crear a axeitada Fundación ou órgano de Xestión, non lograron integrar unha Universidade curta de miras, uns Colexios Profesionais ausentes e unhas asociacións culturais desnortadas, e non contaron coa obrigada colaboración da Armada e da Xunta de Galicia. Non se creou o axeitado Centro de Interpretación, nin se puxo a dispor dos investigadores a abondosa documentación do proceso, hoxe agachada no antigo Hospicio. 
Neste marco cultural hai varios temas nos que se debe actuar de xeito decidido: a creación dese necesario Museo da Cidade do que carece Ferrol e dos correspondentes Centro e Revista de Estudos Locais, a coordinación de actividades no Teatro Jofre e no Auditorio, e a mellora da atención aos artistas locais nos Centros Culturais municipais. 
Cumpre lograr unha seria promoción do Museo Naval e do Museo da Construción Naval, como referentes do patrimonio marítimo e industrial, actuando axeitadamente sobre a fachada marítima para que Ferrol sexa esa cidade aberta ao mar que sempre debeu ser. Ao tempo que desaparece o actual porto comercial, a Autoridade Portuaria debe manter ese especial encanto dos espazos portuarios, sen permitir construcións que agachen a fachada marítima e rompan a desexable relación do cidadán co seu contorno. 
Outro valor sobranceiro de Ferrol é o Modernismo, un conxunto de notables construcións inseridas de xeito modélico na trama urbana. Como referente da memoria popular temos dous camiños históricos de peregrinación nos que se debe traballar de arreo: o Camiño Inglés a Santiago e o Camiño a San Andrés de Teixido; sempre maltratados pola Deputación Provincial, trátese de Diego Calvo ou de González Formoso. Esmorecidas as festas de San Xulián e do Marqués de Amboage, deben coidarse dúas datas de fonda tradición ferrolá: a Semana Santa e as Rondallas das Pepitas.
Para rematar, unha reflexión sobre o papel da Cultura nas actividades municipais. Os responsables culturais deben apoiarse nun triplo labor: primeiro, fomento das peculiaridades propias de Ferrol, segundo, axeitada promoción da cultura galega, e terceiro, difusión da cultura actual nas súas diferentes manifestacións; todo iso mantendo un diálogo fluído coas asociacións culturais e interlocutores sociais. O Alcalde ten que dirixir e coordinar o disperso traballo dos responsables de Turismo, Cultura e Patrimonio. Para iso está e non para contemplar pelexas entre os membros do Concello, un espectáculo do que tanta culpa teñen uns/unhas como outros/as. 

Cultura, patrimonio e turismo un verdadeiro caos

Te puede interesar