Cultura: un axeitado uso do centro cultural

Xa comentamos nestas liñas o importante papel que debe desenvolver a cultura nas actividades municipais. Escribíamos que os responsables culturais do Concello debían levar a cabo un triplo e equilibrado labor: primeiro, fomento das sinais específicas de identidade cultural de Ferrol; segunda, axeitada difusión da cultura galega nas súas diferentes manifestacións; e terceiro, dar a coñecer as tendencias actuais da cultura; todo iso mantendo un diálogo fluído coas asociacións culturais e os interlocutores sociais.  
No que atinxe á segunda das premisas, a concellería de Cultura de Ferrol programou nestas últimas datas no Centro Cultural municipal da rúa do Hospital dúas interesantes e acertadas exposicións a prol da cultura galega. Estamos a falar da mostra dedicada ao pintor ourensán Jaime Quesada Porto (coñecido no mundo artístico como Xaime Quessada) e da ampla exposición, cecais sen un claro fío condutor, sobre as Irmandades da Fala, cando se está a cumprir o seu centenario. 
Xaime Quessada, falecido o ano 2007, foi un prolífico pintor e gravador, que nas súas diferentes etapas pasou polo impresionismo, a arte abstracta, o figurativismo e o expresionismo, dentro dun fondo compromiso social. En Ferrol deixou dúas obras que lembran a súa memoria: os murais “Alegoría pola paz” e “Defensa da Ría e da Vida” que, por mor da crónica carencia dun dino espazo museístico, foron desterradas ao Auditorio de Caranza. 
O pasado 11 de Novembro inaugurouse no Centro Cultural ferrolán unha interesante mostra que fai un percorrido pola obra de Xaime Quessada, amosando obras das súas diferentes etapas. Nos seus cadros mostra a súa fantasía creativa dentro dun estilo persoal onde predominan os colores vivos. Non obstante, se bota en falta un catálogo de man, habitual carencia das exposicións presentadas en Ferrol.
 No mesmo Centro Cultural, na súa zona nobre, presentouse outra interesante exposición o pasado 2 de Decembro. Titulada “Saúde e Terra, irmá(n)s!”, pecha en Ferrol un percorrido polas máis importantes cidades galegas, para difundir o legado das Irmandades da Fala no seu centenario. O 18 de Maio de 1916 nacía na Real Academia Galega da Coruña a primeira das Irmandades da Fala, un movemento cultural que promoveu un rexurdimento cultural ao longo de Galicia.
A exposición relata a Historia das Irmandades da Fala a través de dez temas ou espazos que conforman a súa historia e profundan no seu coñecemento. Percorrendo a mesma pódese achegar á orixe do movemento e a súa evolución; o coñecemento dos seus protagonistas, desde os irmáns Vilar Ponte a Vicente Risco; o novo rexurdimento literario, coa presenza de autores como Ramón Cabanillas e Otero Pedrayo ou editoriais como Céltiga e Lar; a arte galega, con nomes como Castelao ou Asorey, entre outros. 
No que atinxe á presenza de Ferrol nesta mostra pódense ver, entre as cento trinta pezas expostas, diversas obras publicadas pola editorial ferrolá Céltiga como “Alén” de Xaime Quintanilla e “Mal de moitos/Trato a cegas” de Eduardo Charlón e Sánchez Hermida, ou traballos artísticos de pintores de Ferrol como Imeldo Corral e Felipe Bello Piñeiro.  
O vindeiro ano cumpriranse o centenario da fundación  das Irmandades en Ferrol. O 15 de Abril de 1917  tivo lugar a súa creación nun acto celebrado no local da rondalla Airiños da Terra, no entón número 27 da rúa Real, hoxe número 65.  Por mor desta celebración semella que o Concello de Ferrol debería estar atento e colocar no lugar axeitado unha placa que lembrase este centenario, como se fixo na Coruña.
Sería xusto que o Centro Cultural puxese o mesmo empeño en difundila cultura local, dedicando a desaproveitada Sala de Proxectos para mostrala merecente obra dos moitos pintores ferroláns. O Casino Ferrolano acaba de presentar unha notable exposición dos pintores locais; González Collado presentou una magnífica mostra da súa recente obra; a SAF e o Museo Naval teñen en proxecto novas e interesantes exposicións. Xa chegou o momento  de que o Centro Cultural municipal espabile e se incorpore a esta dinámica.   

Cultura: un axeitado uso do centro cultural

Te puede interesar