A PERDA DE SINAIS DE IDENTIDADE CULTURAL DE FERROL

Ferrol ten unha longa historia de seu. Naceu como castro costeiro na protexida ría do seu nome, foi freguesía de San Xiao citada desde o ano 1087 e vila medieval do señorío de Andrade desde o ano 1371. Foi porto naval da Coroa e vila de reguengo desde setembro de 1733, atinxindo o título de cidade en outubro de 1858. 
A cidade, como a coñecemos hoxe, arrinca da época da Ilustración, abranguendo o racional casco urbano, os estaleiros e o arsenal, ademais das construcións defensivas da ría. 
Entre as sinais de identidade cultural que deixaron a súa pegada material e inmaterial na urbe salienta a Ilustración; máis tarde o Modernismo inseriuse de xeito exemplar na trama urbana. 
No que atinxe á Ilustración, fai quince anos, nunha sesión conxunta, o Concello de Ferrol e a Academia Gallega de Bellas Artes fixeron a proposta de declarar Patrimonio da Humanidade ao conxunto do Arsenal e Castelos da Ría de Ferrol, recoñecendo o alto valor patrimonial de Ferrol da Ilustración. Comezou así, baixo a dirección e o soporte económico do Concello, a triste andaina da candidatura a Patrimonio da Humanidade. 
Neste longo período, aparte dun desmedido gasto, pouco máis se fixo que o traballo de recompilación da necesaria información documental e bibliográfica, mentres o proceso caracterizouse pola falla de información aos cidadáns, o desinterese da Universidade e os Colexios Profesionais, a ausencia das Asociacións Culturais e a desidia das Asociacións Empresariais. A maiores, cumpre salientar a nula colaboración do Ministerio de Defensa (ou sexa, a Armada, en teoría tan ligada á cidade).
Mentres tanto o Concello de Ferrol, coa excepción do timorato traballo que en principio levaron a cabo Xaime Bello e Bonifacio Borreiros, non fixo nada ao longo destes anos. 
A pesares dos esforzos de Ferrol Metrópoli, que, antes de perdelo seu rumbo de xeito penoso, logrou integrar a Ferrol na Asociación Internacional de Cidades da Ilustración, chegouse hoxe a unha situación de fracaso sen paliativos. 
Pola contra, outra cidade da mesma época ilustrada e de características similares a Ferrol como é a localidade portuguesa de Vila Real de Santo Antonio, que durante moitos anos compartiu a andaina ilustrada internacional con Ferrol, recen acaba de formalizar a súa candidatura para a lista de Patrimonio Mundial da Unesco
No que se refire ao Modernismo, outra das sinais de identidade da cidade, Ferrol está incluído desde o ano 2003 na Ruta Europea do Modernismo, liderada pola cidade de Barcelona, grazas ao traballo da Fundación Ferrol Metrópoli, e a pesares do desinterese e ignorancia dos anteriores alcaldes de Ferrol, Juan Juncal e Vicente Irisarri, e do nefasto traballo do último presidente da Deputación, Diego Calvo. 
Mentres tanto, Rodolfo Ucha, o pai do Modernismo ferrolán que traballou de arreo más de setenta anos como arquitecto en Ferrol, nin tan sequera foi nomeado Fillo Adoptivo da cidade, mentres que os paspáns ferroláns de sempre homenaxean a certa xente que nin tan sequera estivo en Ferrol.  
Ferrol está a piques de perder as súas sinais de identidade culturais. Nesta costa abaixo pola que nos derradeiros tempos se desliza a nosa cidade, coido que nada temos que esperar do novo e nulo alcalde, Jorge Suárez; tristemente as súas preocupacións están máis na procura do benestar dos seres caninos que en traballar no coñecemento das pegadas da cultura e da historia en Ferrol.
Chégame o conto de que os titulares de Cultura, Jesús Basterrechea, e de Patrimonio Histórico, Rosa Méndez, son persoas interesadas nos asuntos da súa responsabilidade municipal e que semellan ter certos coñecementos sobre as sinais de identidade cultural de Ferrol. 
Déixense de lerias, fagan menos asembleas, convoquen menos reunións, aporten máis ideas concretas e, non sei se sería moito pedir, pensen un chisco nese Museo integral e integrador que precisa Ferrol.
jjburgoa@hotmail.com
 

A PERDA DE SINAIS DE IDENTIDADE CULTURAL DE FERROL

Te puede interesar