O CAMIÑO INGLÉS E OS CAMIÑOS DO NORTE. MISERIA E ESPLENDOR

O Camiño de Santiago é a ruta de peregrinación máis antiga e concorrida de Europa, constituíndo un salientable ben do Patrimonio Cultural de Galicia. Os diferentes camiños que levan a Compostela (Francés, Portugués, Vía da Prata, Primitivo, Inglés e do Norte) son cada vez máis transitados por diferentes razóns relixiosas, culturais e de lecer, contribuíndo á riqueza material e cultural dos lugares por onde transcorre.
Segundo as estatísticas da Oficina do Peregrino en Santiago, onde rematan a viaxe os usuarios da “Compostela” (Credencial do Peregrino), o pasado ano 2014 case 240.000 peregrinos percorreron os camiños xacobeos, a maioría españois, seguidos de italianos, alemáns, portugueses e estadounidenses. Nesa estatística, que non inclúe as numerosas persoas que non presentan a credencial ou utilizan outros medios que nos sexan a propia andadura, a bicicleta e o cabalo, están os máis de 7.000 peregrinos que fixeron o Camiño desde Ferrol a Santiago.        
O conxunto formado polo Camiño do Norte e o Camiño Primitivo, entrando en Galicia pola provincia de Lugo desde Oviedo e a Cornixa Cantábrica, acaba de ser declarado Patrimonio Mundial, uníndose ao galardón que a Unesco concedera o ano 1993 ao Camiño Francés. 
Nesta concesión xogou un importante papel a localidade de Mondoñedo, que precisamente comparte Diocese conFerrol, cidade a súa vez incapaz de facer un traballo serio a prol do Camiño Inglés. 
Dentro dos camiños a Compostela, as Rutas Atlánticas, orixinadas nos portos da Coruña e Ferrol, foron utilizadas polos peregrinos chegados dos países británicos e escandinavos. 
De tódolos camiños xacobeos, o Camiño Inglés é o único que percorre unha única provincia, coa vantaxe funcional que debería ter para a seu desenvolvemento e difusión. 
Ademais a ruta que comeza en Ferrol percorre un traxecto superior aos cen quilómetros, polo que se pode conseguir a “Compostela” selando a Credencial ao longo da viaxe, cousa que non se pode facer desde A Coruña. Non obstante, Ferrol é incapaz de facer un serio traballo a prol do Camiño Inglés: non dispón dun albergue de peregrinos, cando puidera usar para iso a Casa do Mar ou outro edificio; a caseta de turismo de Curuxeiras non ten nin o horario axeitado nin unha guía específica do Camiño Inglés; a hostalería ferrolá non é quen de interesar ao viaxeiro; os mesmos peregrinos non coñecen onde selar a Compostela, mentres que a sinalización da ruta é moi deficiente.
No aspecto material do Camiño, o primeiro que cumpre facer é levar a ruta xacobea pola rúa Espíritu Santo, dado o total desleixo das rúas interiores do barrio de Ferrol Vello, restaurar o itinerario pola zona do Cantón de Molíns tralas continuas obras e optimizar o camiño que percorre un lugar tan deturpado como os terreos do polígono comercial da Gándara, tratando levar a ruta pola beira da auga.
Desde o punto de vista institucional hai que sinalar que a ruta xacobea sufriu o nulo traballo dos anteriores titulares da Concellería de Turismo e a indolencia do actual concelleiro Bruno Díaz, ademais do total desinterese das entidades culturais da cidade. 
Cando menos, anos atrás a anódina Universidade de Ferrol mantivo algún tempo o proxecto cultural Aulas no Camiño, dirixido por Xosé Leira e Rosa Méndez, que fixeron un meritorio, aínda que mal rematado, traballo a prol das rutas xacobeas, no que constituíu o único labor de interese neste tema. Como exemplo negativo temos a recente actuación da Deputación Provincial coruñesa, que o pasado ano editou unha restrinxida publicación sobre o Camiño Inglés, coa colaboración de varios ferroláns. A obra foi presentada na Feira do Turismo (Fitur) en Madrid e na cidade da Coruña, mentres que non se presentou en Ferrol, coa triste circunstancia de que o entón presidente da Deputación, Diego Calvo, era concelleiro desta cidade. 
 

O CAMIÑO INGLÉS E OS CAMIÑOS DO NORTE. MISERIA E ESPLENDOR

Te puede interesar