Camiño Inglés: máis do mesmo

As Rutas Atlánticas ou do Mar, orixinadas arredor dos portos da Coruña e Ferrol, foron utilizadas polos peregrinos chegados dos países británicos e escandinavos. Tiveron certo pulo nos séculos XV e XVI, coa auxe da navegación de altura, as naves de maior porte e as relacións comerciais entre Galicia e o Atlántico Norte. Trala Reforma comezaron a decaer, deixando os pobos de relixión protestante de peregrinar a Compostela.
De tódalas rutas xacobeas, o Camiño Inglés é o único que percorre unha soa provincia, o que significa unha vantaxe funcional para o seu desenvolvemento. Ademais o tramo da ruta comezada en Ferrol supera os cen quilómetros, polo que se pode conseguir a “Compostela”ou Credencial da viaxe, cousa que non se pode facer desde A Coruña.
Aínda que na deslavazada estrutura municipal de Cultura, Turismo e Patrimonio non deixa claro quen é o responsable da posta en valor do Camiño Inglés, cumpre sinalar o bo traballo da Concelleira de Patrimonio, coa posta en marcha da Oficina do Peregrino (un chisco escasa de información). O asunto do selado da “Compostela”, que moitos peregrinos demandan tanto por razóns relixiosas como culturais, esta mal xestionado pola Igrexa. No tema do demandado Albergue na Casa do Mar, o apoio da Autoridade Portuaria vai a paso de tartaruga.
Hai moito que facer polo Camiño Inglés. O marco inicial do Camiño debería estar ben visible a carón da Oficina do Peregrino. A Ruta Xacobea non debe atravesalo ruinoso barrio de Ferrol Vello; debe seguir pola rúa do Espíritu Santo, que mantén a súa traza medieval, camiño da Praza Vella e rúa San Francisco. Alí estaban a antiga igrexa de San Xiao e o medieval peirao da Cruz, histórico lugar de comezo do Camiño Inglés. Alí segue o edificio que albergou o vello Hospital de Peregrinos (esperando unha placa na súa lembranza); alí levántase a monumental Sala de Armas do Arsenal (sempre descoidado o seu exterior, pola desidia da Armada).
Cada vez é maior o número de peregrinos que chegan a Ferrol. Entre a piñata das asociacións culturais de Ferrol, soamente o Club de Montaña e o Liceo Europeo das Artes, amosan certo interese polo Camiño Inglés. Os establecementos de hostalería, ocupados na montaxe desas terrazas que esmendrellan as nosas rúas, non son quen de interesar aos peregrinos. Mentres os concellos de Neda, Pontedeume ou Miño están a poñer en valor a ruta, Ferrol amosa o seu deixamento cara ao camiño xacobeo.
O barrio da Madalena e o Cantón de Molíns, non dispoñen dunha boa indicación para o peregrino, mentres que a ruta a través do barrio de Esteiro non ten a axeitada sinalización de lugares de interese, obras do século XVIII, como o Cuartel de Dolores, o antigo Hospital da Armada ou a Porta do Estaleiro. Tampouco está indicado o camiño polo barrio de Caranza, unha vez pasada a ermida de Santa María. Habería que optimizar o itinerario que percorre un lugar tan deturpado como o polígono comercial da Gándara, tratando de levar a ruta pola ribeira, antes da súa entrada en Narón.
A Xunta de Galicia nunca amosou o debido interese polas Rutas Atlánticas, as peor tratadas entre tódalas Rutas Xacobeas. Do mesmo xeito, a actual Deputación Provincial da Coruña segue o mal trato cara ao Camiño Inglés que xa lle dera o anterior e nefasto Presidente da Deputación, Diego Calvo, que no seu momento non foi quen de presentar en Ferrol unha interesante publicación sobre o Camiño Inglés, editado pola propia Deputación coruñesa.
Impresións dun F.T.V. Recentemente saíu á luz pública unha nova revistiña, “Ferrol Veciñal”, editada en As Somozas, que comeza cun saúda do Alcalde de Ferrol Jorge Suárez (que non pode ou non sabe dicir menos en tanto espazo). A revista, entre o seu pobre contido e tanta rechamente publicidade, publica un artigo do máis anódino que cabe imaxinar sobre o Camiño Inglés.
jjburgoa@hotmail.com

Camiño Inglés: máis do mesmo

Te puede interesar