Bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Que vai facer o Concello de Ferrol?

O próximo día 31 de xaneiro deste ano 2020 cumpriranse douscentos anos do nacemento en Ferrol de Concepción Arenal Ponte. Tratouse dunha muller excepcional, e como tal foi obxecto de múltiples e variados traballos a ela referidos, aínda que dando a impresión que se escribiu moito da súa vida e obra, e, pola contra, se leron pouco os seus numerosos traballos e publicacións. 

Todo o mundo coñece a figura de Concepción Arenal, as súas múltiples facetas e o seu importante labor como licenciada en Dereito, penalista, visitadora de prisións, escritora e periodista, ademais da súa unha intensa actividade filantrópica. Do mesmo xeito deuse a coñecer a súa prolífica obra dentro do realismo literario, e os seus numerosos ensaios e publicacións dentro do catolicismo social. 

Escritora en idioma castelán, coa excepción dalgún poemiña escrito en galego, Concepción Arenal foi traducida a tódolos idiomas, mais nunca viaxou fóra de España. Na súa obra denunciou a escravitude, a situación das cárceres, a mendicidade, a miseria e a condición da muller no século XIX.

Moitos escritores trataron da súa vida e obra, tanto galegos como do resto do Estado; mesmo o fixeron escritores ferroláns, desde Fraga do Porto ata Guillermo Llorca. Un dos traballos máis completos e de maior interese sobre a escritora ferrolá foi a publicación colectiva “Concepción Arenal. La mujer más grande del siglo XIX”, coordinada polo historiador coruñés Francisco Mañach, editada no ano 1907 na imprenta de Juan A. Alsina de Buenos Aires. 

A obra, ademais dun completo estudio biográfico da penalista ferrolá feito por Francisco Mañach, inclúe numerosas colaboracións en prosa e en verso na súa homenaxe. Entre os traballos en prosa aparecen as firmas de Gumersindo de Azcárate, Emilia Pardo Bazán, Pérez Insúa, Alejandro Lerroux, Eduardo Zamacois, Fernández Flórez e os ferroláns Nicolás Fort, José de Pato, Aurelio Ribalta, Luis Mesía e Andrés Comerma. Nos traballos en verso publícanse poesías de Concha Espina, Villar Ponte, Eduardo Pondal e o ferrolán Emiliano Balás. 

Pioneira dun incipiente feminismo e defensora dos dereitos da muller, a vida e obra de Concepción Arenal veuse moi afectada polo falecemento das persoas máis achegadas a ela: sufriu a temperá morte do seu pai e do seu marido, mesmo unha irmá máis pequena. Quizais esta situación condicionou o seu pesimismo que maxistralmente reflicte nun sentido poema:

 Mi vida, a quién le importa ?
Quién soy ?
Una hoja caida
que un día
barrerá el huracán

No primeiro centenario do nacemento de Concepción Arenal o Centro Galego de Buenos Aires (sempre vai por diante de nos a xente de fóra de Ferrol) colocou unha placa na súa homenaxe no antigo edificio do Concello ferrolán, hoxe situada nunha fachada lateral do novo Concello, por non coñecer daquela o lugar de nacemento da penalista ferrolá.

O ano 1997, o investigador ferrolán Carlos Martínez Orero deu a coñecer que Concepción Arenal naceu o 31 de xaneiro de 1820 nunha vivenda de época que entón levaba o número 26 (actual número 177) da rúa Real de Ferrol. O que non fixera o Concello de Ferrol no seu primeiro centenario, debería facelo a actual corporación municipal colocando unha placa conmemorativa na devandita vivenda o próximo 31 de xaneiro de 2020, bicentenario do seu nacemento.

Lembran a súa memoria en Ferrol un notable retrato de Vicente Díaz no edificio do Concello e unha estatua de pedra de acusado esquematismo levantada o ano 1984 no barrio de Esteiro, levando o seu nome unha rúa do barrio da Magdalena e varios colexios e institucións da cidade. Porén, o seu busto do Parque Municipal leva varios anos desaparecido. 

Bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Que vai facer o Concello de Ferrol?

Te puede interesar