As bibliotecas de Ferrol. Seguen as luces e sombras

As bibliotecas públicas teñen unha tripla función: custodialos coñecementos humanos, difundila cultura entre os seus usuarios e fomentala investigación. Todo iso por medio de libros, revistas e prensa, así como polo emprego de modernos materiais dixitais e audiovisuais. Cumpre engadila función social de dispor da prensa diaria, o feito de poder usalos modernos medios informáticos dos que dispoñen e servir como lugar de estudo para moitos mozos e mozas. 

A Biblioteca Municipal Central de Ferrol, creada o ano 1942, hoxe atópase no edificio do antigo Banco de España. Dispón de máis de 70.000 obras, ademais doutros 4.000 documentos diversos, unha hemeroteca de 680 publicacións periódicas, un Fondo Audio Visual de 12.000 unidades e un Fondo Antigo con interesantes publicacións, moitas delas procedentes da antiga biblioteca do Centro Obrero de Cultura. 

A Biblioteca Municipal realiza presentacións periódicas de libros e leva a cabo diversos obradoiros e actividades de divulgación histórica, de desigual interese e seguimento. Pola súa parte, mentres continúa a funcionar a Biblioteca Municipal de Caranza, a Biblioteca do Inferniño leva tempo pechada. 

A Biblioteca Naval de Ferrol está situada no edificio do Museo Naval. Dispón duns 20.000 volumes, agrupados esencialmente en tres seccións: Xeografía e Historia, Enxeñería e Técnica, e Seguridade e Defensa. Garda libros antigos, desde unha Historia Xeral de España, obra do Pai Juan de Mariana do ano 1601, ata varias publicacións de Jorge Juan e Antonio de Ulloa do século XVIII.

A Biblioteca Universitaria de Esteiro ocupa un  edificio singular e ben rehabilitado, a Casa do Patín. Francamente mellorable, dispón dunha discreta serie de publicacións referentes aos estudios do Campus ferrolán: Humanidades, Deseño Industrial e Enfermería e Podoloxía. Igualmente dispón dunha pequena serie de publicacións relativas á cidade de Ferrol.

O Casino Ferrolano ten a súa biblioteca no cuarto piso da súa sede, un notable edificio de Rodolfo Ucha. De carácter privado, posúe varios miles de obras, moitas delas pertencentes a diversas enciclopedias. Aínda que ten exemplares de interese histórico, dispón de escasa información e precisa dunha mellor catalogación.  

A biblioteca e hemeroteca do Ateneo Ferrolán ocupan un espazo preferente da súa sede, un edificio do século XVIII, pertencente ao Legado Carbajal. A biblioteca, con máis de 12.000 volumes onde salienta o seu Fondo Local, arrastra unha serie de carencias derivadas das últimas obras sufridas pola entidade. Ten interese a súa hemeroteca, que dispón de 500 cabeceiras de periódicos e máis de 300 títulos de revistas, dixitalizada o ano 2008 pola Fundación Barrié de la Maza.

A biblioteca Fontenla Leal e a hemeroteca Martínez Quelle do Coro Toxos e Froles, levan pechadas varios anos na rúa do Sol, amosando o pouco interese da centenaria entidade de abrilas ao público. Na biblioteca salienta unha serie de libros editados en Ferrol a finais do século XIX e comezos do XX. No que atinxe a súa hemeroteca, pasan de 300 as cabeceiras do século XX alí gardadas, máis de corenta delas pertencentes a Ferrol, salientando a colección da revista  Labor Galega, fundada o ano 1913 na Habana. 

Outra entidade cultural, a Sociedad Artística Ferrolana, por mor da súa importante nómina de pintores e artistas, dispón dun amplo número de obras e publicacións periódicas de pintura e artes plásticas. O seu carácter de asociación itinerante, sen ter unha sede fixa, impide a necesaria posta en valor dos seus variados fondos. 

Unha boa exposición. Semella que coa nova mostra de Cachita Núñez, o Centro Cultural Municipal recupera o rumbo perdido. Bo debuxo, rica paleta cromática, variedade de temas, curiosidade de soportes (logrado uso de portas), orixinalidade dos retratos, caracterizan esta interesante exposición. O peor, o de sempre, a carencia dun catálogo de recordo.

As bibliotecas de Ferrol. Seguen as luces e sombras

Te puede interesar