O Ateneo Ferrolán e o centenario de Hildegart

 

Un personaxe singular na historia de España de comezos do século XX foi Hildegart Rodríguez Carballeira. Nacida en Madrid o 9 de Decembro de 1914, era filla da ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira e dun padre biolóxico elixido pola propia nai, un sacerdote castrense de Ferrol, que nunca  foi quen de reclamar a súa paternidade.
Aurora, madre de Hildegart e tamén tía do precoz artista Pepito Arriola que estivo ao seu coidado certo tempo, herdou pronto unha importante fortuna e trasladouse a Madrid onde deu a luz á súa filla Hildegart, nome alemán traducible por “xardín da sabedoría”, á que se consagrou  desde o primeiro momento dentro dunha estrita disciplina educativa. 
Ata a súa tráxica morte o ano 1933, Hildegart, licenciada con dezasete anos en Dereito e falando varios idiomas, foi membro activo do PSOE, sendo directiva das Xuventudes Socialistas, e logo do Partido Republicano Federal. Publicou varios libros sobre a liberación social da muller e os seus problemas sexuais, colaborando en publicacións como Renovación, El Socialista y La Tierra, mentres mantiña contactos con importantes persoeiros da época, desde Herbert G. Wells a Gregorio Marañón.
Como escribe Guillermo Llorca na biografía de Aurora Rodríguez Carballeira, esta exerceu un férreo e enfermizo control sobre Hildegart, deteriorándose a relación entrambas ao considerar Aurora que a súa filla non se ocupaba do proxecto que ela consideraba debía de seguir. O progreso da enfermidade mental da nai levouna a matar a Hildegart con varios disparos de pistola a noite do 9 de xuño de 1933.
A vida e a tráxica morte de Hildegart con dezanove anos de idade foi tratada en diversas novelas, obras teatrais e películas. Foi o caso das publicacións, entre outras, de Eduardo de Guzmán, Fernando Arrabal, Carmen Domingo e a investigadora ferrolá Rosa Cal. A súa vida foi tamén levada ao cine na película Mi hija Hildegart, dirixida por Fernando Fernán Gómez o ano 1977. 
Por mor da celebración do centenario do nacemento de Hildegart Rodríguez Carballeira, o Ateneo Ferrolán tivo o acerto de programar o pasado Decembro de 2014 un interesante congreso arredor da súa vida e traballos, tratando de encadrar o seu pensamento no eido da liberación sexual, ao mesmo tempo que se recuperaba a memoria das mulleres e dos colectivos femininos da súa época.
O congreso, coordinado polo entón presidente do Ateneo, Eliseo Fernández, tivo unha completa participación tanto de conferenciantes como de autores de relatorios, entre outros Aurora Marco, Lola Ferreiro, Olga Roig, Dionisio Pereira, Guillermo Rendueles e Miguel Ángel Pradera, ademais das historiadoras ferrolás Rosa Cal, Blanca Quintanilla e Manuela Santalla. Ao mesmo tempo tiveron lugar dúas exposicións sobre a vida e obra de Hildegart.
O pasado mércores día 8 de Marzo, coincidindo co Día Mundial da Muller, presentouse no Ateneo Ferrolán o Libro de Actas do devandito congreso, publicado pola Deputación Provincial da Coruña, unha obra moi completa e de boa feitura. Cumpre sinalar esta boa disposición do organismo provincial cara a Ferrol, despois que a anterior Deputación tivera unha actitude de nula atención cara a nosa urbe en temas culturais como o Camiño Inglés e o Modernismo. Deste traballo debería tomar boa nota a inefable Concellería de Cultura, nos últimos tempos máis adicada aos fogos de artificio que aos asuntos culturais de interese.
Para rematar, lembrando a miña longa andaina de ateneista, primeiro, e xa fai moitos anos diso, en Cádiz e Madrid, e nos últimos anos como socio en Ferrol, fago votos pola recuperación definitiva do patrimonio cultural do Ateneo Ferrolán, aínda sen solucionar. Desexo tamén que a actual Comisión Xestora sexa capaz de levar a bo porto a procura dunha directiva para unha asociación cultural como o Ateneo, que leva moitos anos a traballar pola cultura en Ferrol, con moitos máis acertos que erros, que tamén os tivo.

O Ateneo Ferrolán e o centenario de Hildegart

Te puede interesar