AMBOAGE, A SÚA LENDA NEGRA E AS SÚAS FESTAS

O próximo luns fará cento vinte anos que se inaugurou a estatua do Marqués de Amboage na praza que mellor conservaba as esencias da cidade ata a chegada das terrazas, dándolle o seu nome á devandita praza antes chamada de Dolores. Hoxe en día a cerimoniosa escultura do marqués atópase sucia e desleixada, faltando do seu pedestal o escudo de Ferrol. 
Ramón Plá y Monge foi un típico exemplo da xuventude ferrolá da súa época. Nacido o ano 1823 na rúa do Sol, os seus devanceiros cataláns chegaron a Ferrol como tratantes de viño, dentro da poboación de aluvión do século XVIII. Sendo mozo tivo que emigrar a Cuba, xunto con tres irmáns e a súa nai. Alí traballou de arreo, empregándose na Habana nunha ferraxería da que logo sería propietario e máis tarde fundando as empresas de subministro de gas da capital e da cidade de Matanzas. 
Xa enriquecido, viaxou por Europa, e trala única visita que fixo a Ferrol desde que emigrou a Cuba, afincouse en Madrid o ano 1860, onde se casou e aumentou de xeito importante a súa fortuna con negocios bancarios e inmobiliarios.
Pola súa vida dedicada ao traballo o Madrid premiou a Ramón Plá coa orde de Isabel la Católica e o Vaticano concedeulle o título pontificio de marqués, elixindo a denominación de Amboage en lembranza do apelido da súa avoa materna. 
Home adiantado ao seu tempo, a súa morte o ano 1892 creou unha altruísta Fundación Benéfica en Ferrol, rexida polo alcalde, o párroco e catro vocais –membros da clase traballadora de xeito obrigado por estatutos–, fundada na lembranza da morte do seu fillo primoxénito e que foi un xeneroso agasallo á cidade onde naceu, para que os mozos ferroláns non tivesen que labrar o seu porvir en Ultramar, como tivo que facer il mesmo e a súa familia.
Ramón Plá, recoñecido como exemplar patriota pola prensa e polos intelectuais galegos da época, foi lembrado con agradecemento por moitas familias ferrolás pola importante proxección económica e social da Fundación Amboage, primeiro pola redención económica dos quintos chamados ao servizo militar, máis tarde como importante premio aos mozos licenciados dunha milicia que se fixo obrigatoria, e finalmente na forma dun donativo aos centros benéficos da súa urbe natal.
Non obstante, o marqués ferrolán foi pronto atacado por unha serie de ignorantes de diversas tendencias desta cidade, que adxudicaban a súa riqueza a unha presunta dedicación á trata de negros –unha actividade realmente exercida polo seu irmán José, que empregaba escravos na súa factoría cubana de produción de azucre–, sendo especialmente atacado polo sector máis conservador da cidade, irritado porque os fillos das familias modestas se libraban do servizo militar en Ultramar, especialmente da Guerra de Cuba, grazas a la xenerosidade do marqués. 
Esta cidade, que no pasado sabía honrar aos seus cidadáns exemplares, sen necesidade de ter que buscalos máis aló da Ponte das Cabras, celebraba tempo atrás a finais de Agosto, na lembranza do marqués, as coñecidas festas laicas de Amboage, que desbancaron aos esmorecidos festexos parroquiais da urbe e que tiveron gran sona dentro de Galicia, salientando especialmente os afamados fogos do Marqués, hoxe desterrados da praza onde naceron. 
Nunca podería imaxinar a Comisión de Festas que naquelas datas organizaba de xeito tan notable as Festas de Ferrol, que cento vinte anos máis tarde os responsables de programar os festexos –ou sexa os actuais inquilinos da praza de Armas– ían a agasallar aos ferroláns cun programa tan variado e axeitado de música (indie, grunge, latín funk, fusión, punk rock) e de actividades deportivas (taichi, zumba, power dance, body combat, crossfit), na compaña dunha chiscadela ás Meninas. Louvanza e gloria á concelleira responsable das afamadas Festas de Ferrol.

jjburgoa@hotmail.com
 

AMBOAGE, A SÚA LENDA NEGRA E AS SÚAS FESTAS

Te puede interesar