Abandono e desleixo do castro de Lobadiz en Ferrol

Diversas publicacións, entre outras “Catalogación arqueolóxica da ría de Ferrol”, obra conxunta do ano 1985 de Ana María Romero e Xosé Manuel Pose; “Catalogación castrexa da bisbarra de Ferrol”, obra do ano 1987 dun equipo da Vocalía de Arqueoloxía do Ateneo Ferrolán; e “Ferrolterra Galaico-Romana”, publicación do ano 1997 da Facultade de Humanidades de Ferrol, onde varios autores coordinados por Victor Alonso Troncoso, investigaron os relativamente numerosos xacementos castrexos da Comarca de Ferrolterra. Con anterioridade, os castros ferroláns foran estudados por traballos específicos de investigadores como Saralegui Medina, Fort Roldán e Couceiro Freijomil.
Dentro dunha ducia de castros catalogados en Ferrolterra, a maioría asentados nas alturas medias da orografía do territorio, amosa un especial interese o castro costeiro de Lobadiz, localizado na freguesía de San Xurxo da Mariña, fronte ás illas Gabeiras. Trátase dun amplo recinto, de forma practicamente pentagonal semellando unha península, dotado dunhas unas medidas duns 250 metros (eixo N-S) por 200 metros (eixo E-W). Instalado nun agreste promontorio, ten as súas defensas situadas no istmo de entrada ao recinto, estando protexido e arrodeado o resto do perímetro pola propia mar. As defensas do castro consisten unha dobre liña de murallas que teñen un foxo intermedio. Na entrada do castro unhas pedras amoreadas sinalan o que semellan dúas torres defensivas.
Nas escavacións que se levaron a cabo en pasadas datas descubríronse pequenos restos de vivendas feitas cun aparello de escasa calidade. Nas devanditas escavacións, moitas delas realizadas sen control, atopáronse pezas de cerámica típica castrexa, practicamente sen decoración, unha fíbula e restos de muíños de man de mano, material depositado no Ateneo Ferrolán. Desde o punto de vista das lendas que acompañan ao castro de Lobadiz, algúns dos veciños de máis idade falan de pasadizos soterrados que levan ata as próximas illas Gabeiras, mesmo cara ao máis lonxano castro da Croa de Fontá, na freguesía de San Román de Doniños.
No que atinxe ao estado de conservación deste Ben de Interese Cultural do Concello de Ferrol, ademais da agresión que sofre pola parte dos axentes naturais, especialmente mar e vento, e a falta de limpeza a que está sometido, o castro de Lobadiz está a soportar constantes atentados á súa integridade, desde a construción de casetas de verán no seu interior ata o adestramento de deportistas que circulan polo castro en motos todo terreo. Mesmo tempo atrás foi roturado e o seu chan dedicado ao cultivo agrícola.
O pasado 16 de marzo deste ano tivo lugar en Ferrol unha Mesa Redonda sobre o devandito castro de Lobadiz, organizado pola entidade en defensa do Patrimonio de Ferrol (PAFERR) e o Foro de Amigos de Ferrol (FAF), con obxecto de dar a coñecer e por en valor este xacemento costeiro. Se escribe que o castro de Lobadiz é de propiedade comunal, aínda que por tratarse da ribeira marítima está afectado pola Lei de Costas. Xa é hora que o desleixado Concello de Ferrol se ocupe no coidado e posta en valor do xacemento castrexo de Lobadiz, un importante Ben do Patrimonio Cultural.
Outrosí dun F.T.V.. Quero deixar claro que nos moitos anos que levo a escribir en Diario de Ferrol e noutros medios de comunicación, sempre fixen constar a miña total oposición á presenza da planta de gas de Reganosa dentro da ría de Ferrol, tanto  polo perigo que ven a significar para a poboación como polo feito de que non cumpre as exixencias legais para a súa instalación.
Secomasí, cumpre recoñecer o intelixente traballo que a empresa Reganosa está a levar a cabo co patrocinio cultural do xacemento romano do Caldoval. Neste senso alguén ten que dicir que empresas consolidadas en Ferrol como é o caso de Navantia ten moito que aprender de Reganosa. 
A empresa Navantia, na súa longa estadía en Ferrol, non soamente non fixo practicamente nada a prol do patrimonio cultural da cidade, se non que, entre  outras falcatruadas, foi a culpable do vergoñento derrubo dunha xoia do Patrimonio Industrial como era a Escola Obreira.
 

Abandono e desleixo do castro de Lobadiz en Ferrol

Te puede interesar