Que sabemos de Kosovo?

cuarto no que traballo na casa hai anos que está presidido por un modesto pero atractivo mapa da Terra. Achégome a miralo case que todos os días, pois sempre reparo en algo no que nunca pensara. Diante dun mapa deste tipo, o primeiro no que reparamos as persoas do meu tempo é na cantidade de territorio do planeta que ten unha xeografía política que pouco ou nada ten que ver coa que representaban os mapas que consultabamos de cativos. O máis semellante, sen dúbida, é o continente americano en todas as súas partes. E o máis disímil o africano, aínda que nin Asia nin Europa lle van moito detrás. Falemos de Europa. Cando comecei os meus primeiros estudos xa había uns aniños que acabara a segunda grande guerra e semellaba que quedara conformado  o mapa político europeo. A desaparición do bloque socialista, simbolizada no derrubo do muro de Berlín, trouxo consigo a aparición dun novo mapa, con algunha reunificación  e unhas cantas segregacións, pacíficas ou violentas, moi violentas. Da crueldade despregada en territorios balcánicos lembrarémonos, ou deberiamos lembrarnos de por vida, os que superamos os corenta anos. Vimos as barbaridades cometidas por todos os participantes nos conflitos en canto medio de comunicación audiovisual existía neses momentos. E no conxunto deses novos territorios que se independizaron froito de conflitos diversos apareceu Kosovo. En 2008 o Parlamento kosovar, de xeito unilateral, decidía a desconexión de Serbia creando un novo Estado: a República de Kosovo. Nin consulta popular nin nada que se lle pareza. O Parlamento kosovar actuou da mesma maneira que o faría, en 2011, o español para modificar o artigo 135 da Constitución. Se cadra ata lle deu pistas. O pobo está representado polos parlamentarios. Xa que logo..., isto é o que quere o pobo. Apoiaron a independencia todos os países que se nos presentan diariamente como modelos de democracias avanzadas. Excepto España. Que casualidade! En 2010 a Corte Internacional de Xustiza resolveu que a declaración de independencia non violara o dereito internacional e aí temos a Kosovo como Estado independente co seu euro como moeda e todo. Demostración palpable de que non hai verdades absolutas nin inmutables. España non o recoñeceu aínda. E que?

Que sabemos de Kosovo?

Te puede interesar