Migas de pan

Na miña opinión, a película deste título merece, como mínimo,  a cualificación de filme para non perder. Froito da pésima educación imperante, xa pouca xente sabe das terribles ditaduras militares que sufriron as repúblicas sudamericanas de Chile, Arxentina, Brasil e Uruguai. Esta última, polo seu pequeno tamaño xeográfico e poboacional, máis descoñecida aínda. E foi inxente o número de vítimas -mortos, desaparecidos e torturados- nos algo máis de 11 anos de duración da denominada ditadura cívico-militar, que acabaría en 1985 coa presidencia de Sanghinetti, que ditou a lei de caducidade. Isto supuña a impunidade dos delitos de violación dos dereitos humanos e de terrorismo de estado. En Montevideo, aló por 1989, fun amigo dun matrimonio de torturados e violados que me contaron de todo. En 2011, 28 mulleres presentaron denuncia contra os responsables das torturas e abusos sexuais que padeceran. Ese feito motivou a película de Manane Rodríguez, que me encantou polo tratamento que lle deu ao tema.

 

Migas de pan

Te puede interesar