Rosas na barbarie

A homenaxe ás vítimas da ditadura arxentina que vén de realizar o Presidente do Goberno español na súa visita institucional á cidade de Bos Aires, visto o comportamento de ignorancia e desprezo político que practica a respecto das do franquismo, é un xesto forzado que media dende a benevolencia dunha consideración de sarcasmo ata a do cinismo máis insolente. Non debe sorprender a chamada de atención que, dende a coherencia e dignidade das asociacións en defensa dos dereitos humanos daquel país, se lle teña feito solicitude expresa de que se facilite a extradición na querela seguida alí pola que se xulgan os delitos cometidos polo réxime de Franco.
Mágoa na coincidencia dun tempo no que o Centro Galego na capital arxentina está a pasar por unha fase de acoso e derribo da súa traxectoria histórica, sen procurar remedio pola ausencia de intervención do poder político galego; traxectoria de acollida á emigración e ao exilio que simboliza o cadro “A derradeira lección do mestre”, obra de Castelao á memoria de Alexandre Bóveda que pasa por considerarse, pola forza de expresividade e metáfora que contén, o “Guernica galego”.
Esta peza pictórica que simboliza a causa dos mártires galegos da liberdade e da dignidade, contén un berro que conecta co reclamo de nulidade das sentenzas arbitrarias adoptadas durante a Guerra Civil e o franquismo, incluído no Relato Especial de Nacións Unidas “sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición” que o Estado español debería acometer de forma urxente de seguir o pedimento do organismo internacional. 
Moito máis, de lembrar o significado histórico que representa o cadro de Pablo Picasso, o “Guernica”, que cumpre agora oitenta anos da súa aparición na Exposición Universal de París. Memoria gráfica do horror producido polo terror planificado nunha acción de laboratorio coa participación sádica e criminal da complicidade entre o aparello bélico de Franco e a maquinaria de guerra nazi; escollendo unha localidade sen valor militar algún, nunha xornada de feira que atraía máis xente da cotiá, e sobre dela guindar miles de quilos de bombas, metralla e lume que derruíron esta vida e deixaron un regueiro de preto a dous mil cadáveres de inocencia e vileza.
Lembranza das vítimas basicamente sostida polo voluntariado na causa de recuperar a memoria democrática que vai amosando teimosía incansábel nese ramo de rosas botado ao Río da Prata.  

Rosas na barbarie

Te puede interesar