Una España mejor

Acabo de ler este libro que, con toda seguridade vai ser un dos “best seller” do ano. O seu autor é Mariano Rajoy Brey, un galego de Santiago de Compostela (1955), sen dúbida, un dos bos e xenerosos dos que fala o noso himno. Nel, ao longo de case catrocentas páxinas, cóntanos o ex-presidente do Goberno a súa peripecia política durante case 30 anos de servizo ao seu país que rematou, como é sabido, cunha traizoeira moción de censura que deu ao traste coa súa traxectoria política no ano 2018. De xeito sinxelo relata as vicisitudes vividas durante o seu mandato: A España que herdou do seu antecesor, os problemas de emprego, o perigo de rescate do país, as relacións con Europa e o problema catalán coa aplicación obrigada, por primeira vez, do artigo 155 da Constitución.

O libro, moi interesante, non é de lectura doada, non polo estilo nin polo xeito de escribir, que é impecable, senón polo contido no que fala dos problemas, reviravoltas e ingratitudes da política, que tivo que aturar durante o seu mandato de sete anos. Si xa tiña unha excelente opinión sobre este home, a lectura do seu libro afianzouna aínda máis. 

E ben certo que, a pesar da moción de censura, deixou un país moito mellor que o que atopou cando acadou a Presidencia. Se tivera que definir a súa personalidade, diría que se trata dun home próximo, intelixente, ecuánime e dotado de dúas cualidades fundamentais nun político, que son o sentido común e mesmo o sentido do humor, tamén chamado retranca por nós os galegos. 

España, os españois todos, debémoslle moito a este home tan inxustamente afastado da política. Una España mejor, é un título moi axeitado .

Nestes intres que estamos a vivir, aí temos ao seu sucesor que, mal guiado por unha ambición desmedida de poder, é capaz de pactar ata co Demo, si preciso for, para ser investido Presidente do Goberno. ¡Que Deus nos colla confesados!. 

Non fago máis comentarios sobre el, xa se oe e se le dabondo na rúa, na prensa, na radio e na TV, só dicir que polo ben do país, non desexo que acade a investidura anque si así é o caso, haberá que roelo. O tempo, que o pon todo no seu, ten a palabra, eu non lle auguro unha fácil lexislatura.

E non digo máis, que estamos en Navidad, tempo de amor, de recordos e de felicitacións. Remato entón desexándovos a todos, ¡urbi et orbi! moi felices festas e un próspero ano 2020 que está a caer. Unha aperta forte e ¡FELIZ NADAL!

Una España mejor

Te puede interesar