Un libro e un recordo

Estou a ler o libro editado pola Voz de Galicia, e entregado co periódico o domingo 12/05/2019. Nel xunto cos autores colaborou o Museo Naval de Ferrol, (delegación del Órgano de Historia y Cultura Naval). Os temas diversos, todos eles relacionados coa mar, e o xeito de vivir da súa xente, barcos, costumes, naufraxios, Lepanto, Trafalgar... etc. e, como se di na Revista General de Marina, curiosidades que dan las escrituras antiguas... O seu título é “Anécdotas y curiosidades marineras”. Setenta capítulos de moi doada e entretida lectura. Eu atrévome a suxerir que se fai necesaria unha segunda e aínda unha terceira entrega pois hai tema dabondo para elo sen ningunha dúbida. Parabéns aos autores e colaboradores que fixeron que este libro vira a luz. Moitas gracias pola miña parte.

O libro presenta por riba unhas magnificas fotografías e ilustracións, obras estas últimas de compañeiros cos que tiven o honor de compartir anos de servizo na Armada Española.

Permitídeme que me refira agora a un dos ilustradores, o almirante Miguel Angel Fernández y Fernández, tamén coñecido polo Ianqui dende aqueles inesquecibles tempos da Escola Naval. Como se le en algunhas publicacións, Almirante, Pintor e Poeta. E engado eu, unha gran persoa, traballador incansábel, xeneroso e gran amigo. Tiven a sorte de tratalo e de visitalo con certa frecuencia no seu niño de aguias da Graña onde tiña o seu estudio, o seu Sancta Sanctorum. De alí saíron fermosas obras, acuarelas, tintas, óleos, poesías, libros e conferencias, que todo gustaba de experimentar este polifacético artista, sempre coa Armada como protagonista, o leitmotiv, do seu quefacer diario. Teño, e conservo como un tesouro a maior parte dos seus libros, todos eles con marabillosas ilustracións, con dedicatorias incluídas, como aquela que di: ”A mi amigo y sin embargo compañero...”, froito do seu peculiar sentido do humor. Teño tamén un retrato, unha acuarela que me fixo de xeito tan espontáneo coma desinteresado, que fala moito da súa xenerosidade.

Un home bo, excelentísimo polo rango acadado e mesmo pola súa acusada personalidade, difícil de esquecer. Vaia nestas letras un agarimoso recordo.

Recentemente recibín o libro de Paco Sayans, un compañeiro e amigo común, titulado “O vixía das baleas”. Ilustrado por Miguel con fermosos debuxos ad hoc, envioumo a súa dona Margarita a quen xunto co meu agradecemento mando dende aquí unha aperta forte.

O libro de Sayans ten unha fermosa dedicatoria que reza así: “Para mi amigo que, al otro lado del horizonte está entretenido dibujando baleos enamorados. Lo sé”.

Un libro e un recordo

Te puede interesar