Sen rancor

Nstou a ler un xeito de autobiografía dun moi querido amigo e compañeiro da Armada, como dicía el, “amigo y sin embargo compañero”. Nela fala “a calzón caído” de cousas daqueles tempos da Escola Naval das que dou fe porque eu, como outros moitos, tamén sufrín as mesmas inxustizas que el.
O ingreso na ENM era por oposición. Por poñer un exemplo para 20 prazas presentabámonos preto de 200 opositores. Os temas eran basicamente Matemáticas, Física, Xeometría e Trigonometría. 
Non engado nada novo, nin minto, se vos digo que os chamados fillos do corpo, tiñan máis de media oposición gañada. Esta, chamemos, endogamia era coñecida, admitida e ata defendida como a cousa máis natural.
Xa na Escola notábaselle moito a algúns. Non me resisto a contar esta anécdota certa:
O profesor de Matemáticas no 1º Curso era catedrático do instituto de Pontevedra. Un bo día sacou ao alumno X ao encerado e díxolle:
- Escriba un polinomio de grado ene.
-Pero hombre, escriba f(x)=a0.xn+.........., Acabou por dicirlle con toda a razón:
-¿Usted como pudo aprobar la oposición?
Na ENM daqueles tempos houbo de todo, non faltaban inxustizas, arbitrariedades, xenreiras, favoritismos e o ordeno e mando sen máis explicacións. Os que non viamos con bos ollos aquela situación, eramos díscolos e ¡o pecado maior!, seica non tiñamos “espírito militar”, unha andrómena por dicilo dalgún xeito. A propósito, todas as materias tiñan un coeficiente que se aplicaba á hora de clasificarnos na promoción. O máis alto correspondía precisamente ao espírito militar con moita diferencia. A nota dependía única, exclusiva e ditatorialmente do Comandante de Brigada un T de N que, por riba, para cualificarnos, baseábase en criterios totalmente subxectivos. O que me tocou a min en sorte os dous últimos anos, díxome un día:
-No voy a parar hasta expulsarlo a usted de la Escuela,- sen outra explicación. 
Imaxinen a nota que tiña eu. Non o conseguiu e o día da entrega de despachos veu a darme a man. Non lla neguei, outros si o fixeron. Xa de oficial, nos barcos e en terra cumprín como mellor souben e deixei por onde estiven amigos para sempre entre superiores, compañeiros e subordinados o que me enche de orgullo cada vez que me saúdan na rúa e recordamos aqueles tempos.
Falo como digo, sen rancor, non son home rancoroso. Foron as verbas rotundas, contundentes do meu compañeiro as que me levaron a escribir este apunte. Teño anos dabondo para haber superado, pero non esquecido, todo aquelo.
Penso que dende aqueles meus tempos, as cousas evolucionaron positivamente o que celebro polo bo nome da Armada Española á que, a pesar do que vos conto, estou moi orgulloso de haber pertencido.

Sen rancor

Te puede interesar